O TSXG ratifica as restricións á hostalaría coruñesa pola Covid-19

Representantes da hostalaría compostelá protestan polo trato da Xunta (Foto: Asociación Hostalaría Compostela)
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considera que as limitacións impostas pola Xunta ao sector teñen que mantenerse. Porén, pronto terá que atender o recurso do empresariado compostelá da hostalaría. As asociacións da capital galega criticaron onte que Feixoo dirixa "ataques inxustificados" cara estes negocios e os culpe de moitos gromos de coronavirus.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou esta sexta feira a denegación da medida cautelar solicitada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña respecto das limitacións impostas polo Sergas o pasado 7 de agosto para controlar os contaxios por coronavirus na comarca.

Así o informa o alto tribunal galego após que os hostaleiros pedisen que se suspendese a aplicación das disposicións que ordenan o feche das discotecas e demais estabelecementos de lecer nocturno e que fixan como hora máxima dos locais de hostalaría e restauración ás 00.30 horas.

O TSXG ordena no auto que se manteña a “executividade das medidas preventivas”, salvo no que se refire ao horario de feche, que foi modificado pola Xunta na orde de 15 de agosto de 2020. Esta última medida alarga a hora máxima até a unha da madrugada.

O Superior destaca que deben ser ratificadas as medidas preventivas. "Polas razóns xa expostas no auto de 13 de agosto", entre as que destaca "a indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública".

Protestas en Compostela

Pola súa banda, representantes da Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago denunciaron o que consideran "ataques inxustificados" por parte da Xunta.

Desde o seu punto de vista o Goberno de Feixoo considera este sector como "o principal responsábel do repunte dos gromos da Covid-19" na Galiza. A este respecto negan a maior e tamén presentaron un recurso contencioso-administrativo ante o Superior de Xustiza.

Pretenden que se suspenda a orde publicada pola xunta o 15 de agosto impoñendo o feche dos locais de lecer nocturno.