O TSXG paraliza a tramitación da licenza do parque eólico Ruña II, en Mazaricos

Parque eólico.

Concello e veciñanza presentaran un contencioso contra o acordo do Consello da Xunta no que se outorgaron as autorizacións administrativas prevista e de construción do parque.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de paralizar, de modo cautelar, a tramitación da licenza para a construción en Mazaricos do parque eólico Ruña II, segundo informa o Concello de Mazaricos.

Este proceso iniciouse hai un ano co recurso das autorizacións concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ao Tribunal Contencioso-Administrativo por parte do Concello e a veciñanza afectada, informan desde o Goberno local.

Para o alcalde, Juan José Blanco, “as administracións fixeron as normativas sectoriais pensando máis nas empresas que nas persoas afectadas”

Dito recurso baseábase, entre outras cuestións, no feito de que o proxecto incumpre con varios artigos da Lei de Montes de 2012. Un deles é o que prohibe o cambio de usos de terreos que se queimaron en incendios durante un mínimo de 30 anos. E, precisamente, en terreos que arderon, é onde se asentaría este parque.

Para o alcalde, o nacionalista Juan José Blanco, “as administracións fixeron as normativas sectoriais pensando máis nas empresas que nas persoas afectadas”. O rexedor advirte que non está “disposto” a que “as empresas promotoras veñan con escurantismo e malos modos a amedrentar a unha veciñanza que non dispón de ferramentas para defenderse” e que desde o Concello continuarán a “traballar” para “poñer os nosos dereitos por diante onde faga falta”. Do mesmo modo subliña que non está “en contra da enerxía eólica” pero que esta debe desenvolverse “con planificación e respecto ás persoas e ao patrimonio”.

Desde o Concello explican que agora toca “agardar” á sentenza do TXSG sobre a ubicación do parque. O que si especifican é que “unha resolución en contra, abrirá a porta á paralización doutros proxectos que se asentan en terreo queimado”.