Xustiza

O TSXG impide descontar a cota patronal ás investigadoras

Investigadores do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas da USC (Arxina).
A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de estimar un conflito colectivo presentado pola CIG-Ensino polo que condena a Universidade de Vigo (UVigo) a pagar integramente as retribucións que lle corresponden cobrar ao persoal investigador contratado con cargo aos programas Margarita Salas e María Zambrano

Esta nova sentenza chega após unha resolución xudicial en idéntica orientación na Universidade da Coruña (UDC), onde se declaraba nula a práctica desta entidade de detraer do importe das axudas do programa Margarita Salas e María Zambrano a cota empresarial á Seguridade Social, para determinar desa maneira o salario a aboar ao persoal investigador contratado.

TSXG

A CIG considera que as resolucións do TSXG evidencian que “as traballadoras e traballadores con contratos laborais afectados polo conflito colectivo teñen dereito a percibir cando menos como salario as contías que figuran no RD 289/2021 tanto nas axudas Margarita Salas (3.500 euros brutos mensuais para quen realice estanza no estranxeiro e 2.800 euros brutos mensuais para dentro do Estado) como nas axudas María Zambrano (4.000 euros brutos mensuais)”.

Afrontar conflitos

A central nacionalista amosa a súa satisfacción "por este novo pronunciamento do alto tribunal galego, tan só á espera da resolución do terceiro conflito colectivo relativo a este persoal investigador na Universidade de Compostela (USC)" e demanda dos equipos reitorais "un cambio á hora de afrontar os conflitos provocados, primeiro por unha mala praxe e, segundo, pola negativa a sentar a negociar e buscar acordos”. A CIG lamenta que a UDC "teña tomada a iniciativa de acudir ao Supremo e insta a UVigo a non seguir ese camiño”.