Xustiza

O TSXG denega as alegacións de Xunta e Monbus á anulación de adxudicacións de liñas de transporte

A empresa Monbus controla 80% das concesións de transporte. (Foto: Monbus)
Os alegatos defendían que non se excedía a cifra máxima de concesións.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) denegou as solicitudes formuladas pola xunta da Galiza e a UTE escolar zona de Vigo —da que fai parte Monbus— a respecto da sentenza de 23 de xuño deste tribunal que anulaba determinadas adxudicacións de liñas de transporte por parte da Administración galega  a Monbus.

Unha resolución do TSXG que reforzaba o argumento xurídico exposto por este tribunal noutras resolucións que anulaban a adxudicación doutras liñas de transporte: as UTEs onde a participación do grupo Monbus era maioritaria no seu capital conseguiron 29 lotes do concurso de transporte escolar de 2021, cando os pregos do mesmo sinalaban claramente que a ningunha compañía se lle podían adxudicar máis de oito.

De feito, as peticións que vén de denegar o alto tribunal galego —nun procedemento ao que tivo acceso Nós Diario— fan referencia a este argumento. Así, desde a UTE escolar zona de Vigo afírmase que na sentenza había un ha serie de "erros materiais e omisións manifestas". De non ser por esta, prosegue argumentando, "concluiría que o número de lotes adxudicados a UTEs nos que as empresas do Grupo Monbus supostamente tiñan unha participación moi significativa (...) non se excedeu o límite de 8 lotes". 

"Non deben de ser computados"

Pola súa parte, desde a Xunta da Galiza solicítase que se teña en conta que "en cinco dos lotes só concorreu un único licitador, razón pola que non deben ser computados para o máximo de 8 lotes por licitador". Porén, desde o tribunal decidiron "denegar as solicitudes formuladas" tanto pola UTE como pola Xunta. Ademais, a lasa dispón que "Non cabe recurso algún contra a presente resolución, sen prexuízo dos recursos que, no seu caso procedan".

Anulacións

O pasado 23 de xuño a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulaba a concesión ao grupo Monbus de diversos lotes de transporte escolar adxudicados en 2021. A sentenza considera probado que a Consellaría de Educación incumpriu o disposto nas bases do concurso e na lexislación de aplicación á hora de adxudicar diversas rutas de transporte escolar. Ao tempo, revocaba unha resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma da Galiza (TACGAL), que avalaba a decisión do Goberno galego.