O TSXG confirma a pena de 22 anos de cárcere a José Eirín polo asasinato de Jéssica Méndez

José Carlos Eirín, durante a vista de apelación polo asasinato de Jéssica Méndez, o pasado 13 de xaneiro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A xustiza rexeitou as alegacións presentadas pola defensa do condenado polo asasinato crime de Barro en 2022.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmou a sentenza da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra na que condenou, de acordo co veredicto de culpabilidade do Tribunal do Xurado, a 22 anos de cárcere a José Carlos Eirín, o home que en 2022 asasinou a súa veciña, Jéssica Méndez, colidindo o seu vehículo contra o dela debido á súa "indiferenza" cara a el. Á hora de ditar a pena, tivo en conta a circunstancia agravante de cometer o delito por razóns de xénero.

Feitos probados

O Tribunal do Xurado considerou probado que sobre as 09.25 horas do 17 de marzo de 2022, na estrada N-550, á altura de Barro (comarca de Pontevedra), o acusado, "co propósito de acabar coa vida da vítima", dirixiu "intencionadamente" o vehículo que conducía contra o dela, que se atopaba detido, agardando para incorporarse á N-550 desde unha estrada secundaria, impactando contra a zona centro-lateral esquerda a unha velocidade aproximada de 80 quilómetros por hora.

Segundo sinala o TSXG nun comunicado, os membros do xurado concluíron que "o modo en que o acusado dirixiu o seu vehículo e impactou violentamente contra o conducido pola vítima eliminou calquera posibilidade de reacción defensiva", así como que a causa dos feitos foi "a indiferenza da vítima" cara ao condenado, "unida ao feito de provir tal indiferenza dunha muller, o que determinou a súa decisión de dirixir o seu vehículo contra o conducido por ela, impactando violentamente contra el".

Apelacións rexeitada

A Sala rexeitou todos os motivos do recurso de apelación presentado pola defensa do condenado, entre eles o feito de que non fora atendida a súa pretensión de declarar en último lugar no xuízo tras a práctica do resto das probas. O procesado tamén denunciou indefensión porque se decatou o día anterior á vista de que non se lle dera copia impresa dunhas mensaxes de WhatsApp do móbil da vítima.

"O maxistrado presidente rexeita, con razón, esta proba por motivos técnicos; porque, de conformidade co establecido no artigo 34.3 da Lei Orgánica do Tribunal do Xurado, deben achegarse testemuños e non copias privadas", indica o TSXG na sentenza, na que salienta que non se denuncia "a carencia do testemuño de dita proba en soporte electrónico, debido a que recoñece que obraba no seu poder o DVD, do que obtivo por si mesmo a transcrición, e non pode ser doutra maneira, vistos o auto de apertura do xuízo oral e as dilixencias de remisión obrantes na causa nas que se especifica a remisión dos CD e a entrega dos testemuños impresos á parte agora recorrente".

O motivo, polo tanto, foi rexeitado, do mesmo xeito que a vulneración que alegou do artigo 24.2 da C.E. como consecuencia da inadmisión de resolucións xudiciais e as súas impugnacións "para que os xurados puidesen comprobar a evolución da imputación inicial e como a mesma foi variando de xustificación".  

Neste sentido, a Sala do Civil e Penal do alto tribunal galego, incide "no coidado co que a Lei regula o obxecto sobre o que debe versar a proba, precisamente para evitar calquera indicio de confusión xeradora de indefensión". Así, engade que "a instrución foi, como é lóxico, avanzando, e o que en principio parecía un homicidio impudente de tráfico, foi derivando cara a un feito doloso, e mesmo na audiencia de conformación do obxecto do veredicto admitiuse a posibilidade do homicidio imprudente coa inclusión da proposición cuarta, declarada non probada".

Os maxistrados tamén rexeitan a aplicación da atenuante de reparación do dano, pois aínda que "se declarase probado que se fixeron xestións por parte do acusado coa compañía aseguradora para que indemnizase aos prexudicados, tales xestións resultarían irrelevantes como substrato de dicha atenuante".

Así, salientan que "a actuación do acusado, aínda que se dese por probada, non gardaría semellanza algunha coa estrutura e características da atenuante de reparación, nin atendería á idea de pronta reparación para evitar as consecuencias de dilacións procesuais".

O TSXG tamén rexeitou a alegación do condenado na que cuestiona a imparcialidade do maxistrado presidente do Tribunal do Xurado. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.