O TSXG condena a Xunta por agochar información sobre os contratos ao grupo Monbus

A empresa Monbus controla 80% das concesións de transporte. (Foto: Monbus)
O alto tribunal galego cualifica de "escusa de mal pagador" os argumentos do Goberno galego.

A Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) volveu ditar unha sentenza contra a Xunta da Galiza pola súa xestión nas adxudicacións do transporte escolar. Neste caso, nunha resolución ditada a terza feira, á que tivo acceso Nós Diario, obriga á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a entregar á UTE VIGBUS copia "de todos os contratos do servizo de rutas de transporte escolar de centros de ensino público da comunidade autónoma da Galiza, así como copia dos expedientes de penalizados incoados polo órgano de contratación nos contratos de referencia".

A sentenza do TSXG ten a súa orixe na negativa do Goberno galego a entregar á UTE VIGBUS información sobre os contratos a Monbus. Neste sentido, a referida a unión temporal de empresas (UTE), que concorreu ao concurso de transporte escolar da Xunta da Galiza, reclamou información sobre as adxudicacións e contratos formalizados ao abeiro deste procedemento. Porén, as autoridades galegas negaron a referida documentación nunha resolución asinada pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional o pasado 25 de outubro de 2022, ao considerar a Administración que a petición vulneraba a Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

O alto tribunal galego cualifica de "escusa de mal pagador" os argumentos do Goberno galego e entende que non se necesita reelaboración, senón, como moito, recompilación, para remitir a listaxe de vehículos e os expedientes sancionadores aos adxudicatarios, ao requirirse unha mera agregación ou suma de datos, ou o mínimo tratamento dos mesmos, non constituíndo "reelaboración" a operación voluminosa que pode dar lugar a unha ampliación do prazo. Na mesma dirección, considera "que a Consellería demandada non ten interese en facilitar a documentación, significando que obran en autos copias dun das listaxes de vehículos e relación nominal de condutores".

As fontes coñecedoras do procedemento indican a Nós Diario que esta resolución abre a porta a novas impugnacións dos contratos adxudicados pola Xunta da Galiza ao grupo Mobus no ámbito do transporte escolar. Neste sentido, lembran que unha parte dos mesmos foron anulados nestes últimos anos por diversas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.