O TSXG ratifica a condena ao alcalde de Agolada por prevaricación mais absólveo do delito de falsidade documental
A Sala do Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de ratificar a condena ao alcalde de Agolada (O Deza), Luís Calvo Miguélez (Partido Anticorrupción e Xustiza) por un delito de prevaricación e absólveo doutro delito de falsidade en documento oficial ao que fora condenado en abril pola Audiencia de Pontevedra.
O rexedor recorreu diante do alto tribunal a sentenza da Sala Segunda da Audiencia de Pontevedra que o condenaba a tres anos e seis meses de prisión e once de inhabilitación para cargo público. Agora o TSXG estima en parte o recurso de apelación de Miguélez e absólveo do delito de falsidade en documento oficial, pero ratifica a condena por prevaricación administrativa, que rebaixa a nove anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público e para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo.
Diante da sentenza do TSXG, o rexedor pode presentar en cinco días recurso de casación diante do Tribunal Supremo. A sentenza tamén ratifica a indemnización que o alcalde ten que pagar á empresa prexudicada pola prevaricación, Lácteos Farelo, e deixa claro que o Concello de Agolada non é responsábel civil subsidiario da pena económica.
Os feitos polos que está condenado remóntanse a 2019, a 19 de novembro dese ano o rexedor ditou un decreto ordenando a paralización das obras de ampliación dunha depuradora en Lácteos Farelo –empresa local sita no polígono industrial de Agolada–.
O alcalde decidiu de forma persoal e logo pretendeu darlle visos de legalidade atribuíndo a mesma a unha comisión de goberno. Con ese obxectivo elaborou e firmou un informe con data 20 de xaneiro de 2020 no que facía constar que a comisión de goberno dese día aprobara precintar a depuradora, sen que estivera constituída a comisión de goberno.