O TSXG avalía as verteduras de gandaría industrial no encoro limiao das Conchas
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acolleu esta sexta feira a primeira das sesións pola demanda presentada por veciñanza das Conchas, en Lobeira (A Limia), ante a "inacción" das Administracións fronte ás verteduras de gandaría industrial. Fano, explicaron, para exixir que se busque os causantes e unha "solución".
Un total de nove demandantes, entre eles sete veciños, a Asociación Veciñal das Conchas e a Federación de Consumidores e Usuarios CECU, levaron o Goberno galego, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os concellos de Bande, Muíños, Lobeira, Trasmiras e Os Blancos ante os tribunais pola presunta "mala xestión da contaminación xerada pola gandaría intensiva".
Após presentar esta sexta feira as probas periciais dos demandantes, o procedemento seguirá o día 20 de xuño coas dos demandados. Os peritos dos promotores da demanda ratificáronse nas súas conclusións en cuestións que abarcan desde a orixe do problema até os cheiros ou os riscos para a saúde.
A vista chega tras prohibirse o día 5 de xuño o baño no encoro, pois a Dirección Xeral de Saúde Pública activou o nivel 3 de risco polo alto volume de cianobacterias e a "alta probabilidade de efectos adversos para a saúde" en caso de contacto con persoas e animais.
Os demandantes lembran que as entidades encargadas de aprobar estas instalacións "están obrigadas" pola lexislación a "protexer a auga e o solo da zona, mesmo cando toman decisións sobre a autorización de explotacións gandeiras intensivas". Con todo, aseguraron, "ano tras ano autorizáronse centos de explotacións de gandaría industrial" xunto ao río Limia, "a pesar dos graves impactos ambientais".