O TSXG autoriza limitar as reunións de madrugada polo aumento da transmisión do virus

Na imaxe, unha terraza de Compostela (Foto: Arxina).
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza avala a redución no número de persoas non conviventes en encontros sociais que decorran tanto en espazos públicos como en privados. Tamén a limitar as reunións de madrugada.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou a Xunta a limitar o número de persoas que se poden reunir en espazos públicos ou privados -seis, en interiores; e dez, en exteriores-, así como prohibir encontros con non convivientes durante a madrugada.Os maxistrados entenden que as medidas incluídas na orde son "idóneas, necesarias e proporcionadas" para conter a expansión da Covid-19, cuxa transmisión aumentou nas últimas dúas semanas, da mesma maneira que as hospitalizacións.

As restricións ás reunións de madrugada entrarán en vigor ás 00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG), co que para que se poidan aplicar xa esta fin de semana, a Xunta deberá publicar a orde nun DOG antes de finalizar a xornada desta sexta feira. O TSXG avanza que estas restricións manteranse até as 00 horas do 7 de agosto.

A sala considera que o Goberno galego xustificou a existencia dun perigo para a saúde da poboación, que se pode ver agravado se esas medidas non se adoptan, así como que carece doutros medios menos agresivos para afrontalo.

Ademais, destaca que as medidas "responden a unha situación clara de incremento do virus" e asegura que "non teñen un impacto significativo no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida polos mozos, máis proclives ao contacto social".

A decisión chega o mesmo día en que se comunicou unha nova marca de máximo de novos casos nunha soa xornada. Son 1.593, mentres que os casos activos elévanse a 15.109, un milleiro máis que a xornada anterior, e os pacientes hospitalizados por este coronavirus repuntan a 212 -constitúen 37 máis-, deles 23 en UCI.

E un día despois de publicar o DOG as novas restricións, que afectan nomeadamente o lecer nocturno, a hostalaría, a casinos e salas recreativas e a espectáculos ao aire libre.