Trump reclama para si o Nobel da Paz, un premio que as apostas desbotan e o BNG cualifica de "despropósito maiúsculo"
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, non escatima ocasión para reivindicar o moito que merece ser recoñecido co premio Nobel da Paz, mais o ruído axitado desde a Casa Branca non encaixa cos prognósticos reais.
O Nobel da Paz anúnciase sempre a sexta da primeira semana completa de outubro, polo que este 10 de outubro ás 11 horas coñecerase o novo galardón de boca do presidente do Comité Noruegués, Jorgen Watne Frydnes, nunha solemne declaración que incluirá tamén unha exposición de motivos por parte do xurado.
Desde o primeiro Nobel da Paz en 1901 sucedéronse xa 105 galardóns cun total de 139 laureados, entre os cales figuran 92 homes, 19 mulleres e 28 organizacións, entre elas a principal asociación xaponesa das vítimas das bombas atómicas, coñecida como Nihon Hidankyo.
338 candidaturas
O Instituto Noruegués rexistrou para a edición de 2025 un total de 338 candidaturas, 244 delas correspondentes a persoas a título individual e 94 a organizacións. O prazo de inscrición concluíu o pasado 31 de xaneiro, polo que desde entón o proceso consistiu en cribas e debates sucesivos a porta fechada.
Ninguén pode nomearse a si mesmo, pero os criterios para entregar candidaturas non son especialmente restritivos e inclúen desde membros de gobernos ou parlamentos a profesores universitarios de calquera parte do mundo.
Tampouco existe un criterio claro a partir do cal xustificar o galardón e os argumentos foron variando ao longo dos anos. Así, ata a I Guerra Mundial o xurado optaba principalmente por pioneiros do movemento pacifista, mentres que despois da II Guerra Mundial recoñecéronse cuestións como o desarmamento, a negociación para a paz, a defensa da democracia e os Dereitos Humanos.
Derrotado nas apostas
As casas de apostas elaboran todos os anos as súas listas particulares de favoritos, nas que adoitan coarse nomes de dirixentes ou organizacións coñecidos para o gran público pero que non tenden a contar cun especial recoñecemento entre os expertos, como é o caso de Trump, a quen lle conceden só unah probabilidade de 3% de saír escollido.
O presidente dos Estados Unidos, que se autoproclama finalizador de "sete guerras", xa non oculta a estas alturas que quere gañar o Nobel da Paz e mesmo a semana pasada, nun acto ante militares, declarou que sería un "insulto" que non o tivesen en conta.
Defensor do xenocidio
Ante esta posibilidade real que comezou a circular con máis forza tras o anuncio do acordo alcanzado por Hamás e Israel para iniciar a primeira fase dun plan de paz para Galza, as dúbidas ao respecto tamén comezaron a resoar. Neste sentido, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, asegurou esta quinta feira que o seu partido considera "un despropósito maiúsculo" que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, poida levar o Premio Nobel da Paz por ser promotor do plan de paz para Gaza, pois considérao "o principal defensor" do "xenocidio" sobre o pobo palestino.
En todo caso, recalcou que o Premio Nobel está xa "moi desacreditado" e "devaluado", e nese sentido lembrou que o ex presidente estadounidense Barack Obama obtivo este galardón ao pouco de tempo de ser elixido e por facer unha proposta inicial de "deter todas as guerras", cando en realidade o que fixo foi "continualas todas e iniciar outra novas". "Continuou a guerra en Afganistán e alimentou a guerra en Siria, por exemplo", apostilou.
En rolda de prensa no Congreso, Rego explicou que o acordo patrocinado por Trump "non foi negociado inicialmente entre Israel e Palestina, senón entre o que practica o xenocidio e o que ampara e apoia o xenocidio, é dicir, entre Netanyahu e Trump". "Que lle dean o Nobel da Paz a un presidente que foi o principal defensor do xenocidio que veu practicando Israel sería inconcibíbel", porfiou.
Imposición
Preguntado, en concreto, polo acordo alcanzado entre o Goberno de Israel e Hamás para empezar a aplicar o plan proposto polos Estados Unidos, Rego espera que efectivamente sirva para iniciar "o camiño da paz" pero, de entrada, considera que é "moi difícil" cando existen determinados puntos que implican unha "imposición" dunha das partes.
E é que, segundo lembrou, a maioría de organizacións palestinas rexeitaron puntos esenciais do plan, entre eles, que poida haber un goberno liderado por estranxeiros sobre o seu territorio. Con todo, o portavoz do Bloque na Cámara Baixa pensa que todo pode ser modificado "se hai vontade" e que agora o que debe facer a comunidade internacional é "acompañar" ese esforzo en favor da paz.