O Tribunal Supremo anula as concesións da Xunta a Monbus no transporte escolar de Vigo, Pontevedra e O Porriño

Vehículo de Monbus (Foto: Nós Diario)
O Tribunal Supremo súmase así ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e resolve de novo contra a Xunta da Galiza e Monbus. A sentenza, á que tivo acceso en exclusiva 'Nós Diario', confirma resolucións xudiciais anteriores. 

O Tribunal Supremo (TS) vén de anular as concesións do transporte escolar a centros públicos dependentes da Consellaría de Educación da cidade de Vigo, Pontevedra e O Porriño que a Xunta da Galiza adxudicou a Monbus.

Concretamente, a Sala do Contencioso-Administrativo do TS emitiu tres sentenzas con data do 16 de outubro, ás que tivo acceso Nós Diario e nas que rexeita admitir a trámite os recursos de casación da Xunta e das Unións Temporais de Empresas (UTE) Escolar Zona Vigo e Vigbus, Escolar Lote 51 e Escolar Lote 45, respectivamente, contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anulaban a adxudicación dos lotes de transporte escolar a estas UTE participadas maioritariamente por Monbus.

Os maxistrados do TS entenden que os recursos non reúnen os requisitos de casación obxectiva para formar doutrinal xurisprudencial. Non ven, ademais, "conveniencia dun pronunciamento da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo" nesta situación xurídica.

Tal e como recolleu Nós Diario na altura, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza denegara as alegacións presentadas pola Xunta e por Monbus á anulación de adxudicacións de liñas de transporte, considerando que a empresa superara o número máximo de lotes adxudicados.

E é que as UTE onde a participación do grupo Monbus era maioritaria no seu capital conseguiron 29 lotes do concurso de transporte escolar, cando os pregos do mesmo sinalaban claramente que a ningunha compañía se lle podían adxudicar máis de oito.

Contra estas resolucións do Tribunal Supremo que rexeitan os recursos da Xunta e de Monbus non cabe recurso ningún.