Un tribunal desestima o recurso da aseguradora do 'Prestige' para evitar indemnizar ao Estado español

O 'Prestige' durante o seu afundimento. (Foto: Europa Press)

O pago polos danos da vertedura do buque está un pouco máis preto despois de que a Xustiza británica fallara a favor da Avogacía Xeral do Estado. A contía que se reclama ascende a 855 millóns de euros.

Un tribunal do Reino Unido rexeitou o recurso da empresa aseguradora do Prestige para non pagar a indemnización causada pola catástrofe do petroleiro fronte ás costas galegas que lle reclama o Estado español.

O maxistrado Butcher decidiu, nunha sentenza destes días, descartar o intento da compañía para evitar abonar os 885 millóns de euros que se piden en concepto de danos.

Desta forma o xuíz apoia “de maneira contundente” a petición da Avogacía Xeral do Estado, polo que o abono da contía polas consecuencias da vertedura de fuel estaría máis preto.

Fontes do Goberno español explicaron a Europa Press que, ademais, o auto descarta a teoría de que os dereitos fundamentais do capitán do buque, Apostolos Mangouras, foran vulnerados no procedemento xudicial que decorreu na Audiencia Provincial da Coruña.

Así mesmo, atendendo ás mesmas declaracións, o xulgado optou por rexeitar os argumentos da aseguradora que tamén aludía a un laudo arbitral do Reino Unido do ano 2013. Ademais de falar dos dereitos de Mangouras, afirmaba que o armador -declarado insolvente- non abonara a indemnización que lle correspondía.

“Deste forma, dáse un paso máis e o único motivo de oposición á reclamación da cantidade á aseguradora que quedaría pendente de decidir é o actualmente sometido ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea", indicaron desde a Avogacía.

Neste sentido, falan dunha cuestión prexudicial de Butcher. Por iso, semella que o proceso podería acelerarse un pouco.