Os tres últimos cursos de Medicina impartiranse en Santiago, Vigo e A Coruña
Docencia Clínica ratifica o acordo para descentralizar o grao de Medicina, un proceso que se prevé remate no curso 2028/2029.
O Consello para a coordinación da docencia clínica na Galiza ratificou esta quinta feira o acordo para a descentralización do grao de Medicina.
O calendario do acordo estabelece a descentralización progresiva da docencia, tanto teórica como práctica, de 4º, 5º e 6º curso do grao de Medicina. Así, para cando finalice a aplicación do acordo, no curso 2028/2029, os tres últimos cursos do grao en Medicina impartiranse ao completo nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña.
Desta forma, ábrese a posibilidade para que calquera dos profesionais dos hospitais galegos —particularmente os que conten coa acreditación preceptiva para ocupar prazas de profesorado universitario—, poida acceder a prazas vinculadas das universidades galegas e así contribuír decisivamente á formación dos profesionais de Medicina.
Tras a súa ratificación esta quinta feira, o documento deberá ser tramitado a nivel interno polas tres universidades para, a continuación, ser asinado.
Valoración da Xunta
Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que participaron na xuntanza, celebraron o consenso alcanzado ao redor dun documento "con visión de país", que "beneficia os estudantes desta titulación e que abre novas oportunidades para alcanzar altas cotas de excelencia" tanto nas tres universidades públicas como nos hospitais de Santiago, Vigo e A Coruña.
Destacan que todas as partes coincidiron na necesidade de avanzar na descentralización do grao de Medicina, o "de maior número de prazas de nova admisión" da Galiza, "como a mellor opción para aproveitar todas as capacidades tanto do Sistema Universitario da Galiza como do Sergas á hora de formar aos futuros médicos".