Tres persoas detidas e 22 investigadas por incendios forestais na Galiza
O delegado do Goberno chama á colaboración cidadá para facilitar información sobre posíbeis responsábeis.
O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Blanco, fixo un chamamento á colaboración cidadá para facilitar información sobre posíebis responsábeis dos incendios forestais que se están rexistrando na Galiza. Até a data, informa, son tres as detidas pola Garda Civil e 22 as investigadas, un número que elevou tras informar inicialmente de dúas detidas e nove investigadas desde xullo.
Nun comunicado, remarca o labor estatal, a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, para desenvolver "un operativo intensivo para identificar e deter ás persoas responsables de provocar incendios forestais.
Por outra parte, lembra que, no marco do dispositivo, a Garda Civil estabeleceu un gabinete específico no Centro de Coordinación Operativa (CECOP) de Ourense co obxectivo de centralizar información, coordinar investigacións e reforzar a colaboración cos servizos de emerxencia e co resto de administracións implicadas.
"Quen prenda lume de maneira intencionada non quedará impune", advirte o delegado do Goberno que asegura que "cada foco, cada faísca, cada paso está baixo vixilancia".
"Imos chegar até o final nas investigacións e quen estea detrás destes incendios sentará diante da Xustiza", engade. Ademais, apunta que a actividade policial céntrase na recollida de indicios no terreo, na análise da información achegada polos equipos de extinción e pola cidadanía e no despregamento de patrullas en zonas de risco para previr novos focos.