‘’A treinar toda a malta, que chegam as Olimpiadas Populares Galegas!’’

OPG

A IV edición destas olimpiadas ‘’dos movementos sociais’’ deslócase nesta ocasión á aldea de Canosa (O Rosal), onde decorrerán as OPG o 13 e 14 e setembro.

As Olimpiadas Populares Galegas (OPG) volven un ano máis e xa son catro as edicións atinxidas por un evento que salta o estritamente deportivo para sumar tamén convivio, reivindicación. Desta volta, as OPG agroman na aldea de Canosa (O Rosal) e virán con novidades a respeito de anos anteriores. Desde novas disciplinas (por exemplo, xogo de pau ou chave) até unhas mini-olimpiadas para crianzas.

Na anterior edición participaron por volta de 20 equipos e 200 atletas


O ‘Comité olímpico’ está constituído por activistas de diferentes centros sociais do sur de Galiza, que asumen o traballo e responsabilidade de facer do evento un encontro do asociacionismo alternativo galego. Nas edicións anteriores tomaron parte na OPG por volta de 20 equipas e 200 participantes.

Como indican desde a propia organización no seu blog, “animamos-vos a todas as organizaçons, coletivos, centros sociais, movimentos… a que formedes umha equipa e venhades ao Baixo Minho a esta jornada de convívio entre todos aqueles e aquelas que apostamos num lezer nom-consumista, saudável, ligado à Terra e com espírito de irmandade”.

O prazo para se inscribir finaliza o 31 de agosto. Há un bo feixe de ‘disciplinas’ para escoller. Desde triatlón, billarda ou lanzamento de sacho até tiro de corda, xogo do pano, relevos 4x100, entre moitas outras. Desde as OPG xa espallan polo País a palabra de orde: "A treinar toda a malta, que chegam as OPG!".