Os tramos de 12 a 29 anos son os de maior incidencia da Covid na Galiza. triplican a media

(Foto: Arxina).

A incidencia acumulada a 14 días na Galiza é de 98 casos por cada 100.000 habitantes. Unha ratio que se supera nas franxas de idade máis novas, consecuencia de que aínda estean sen vacinar.

O Ministerio de Sanidade vén de publicar a incidencia da Covid-19 nos diferentes territorios do Estado segundo as franxas de idade. Unha información que permite ter unha radiografía de como o SARS-CoV-2 afecta os diferentes tramos de idade na Galiza, observando profundas diferenzas, que teñen a ver co propio proceso de vacinación: aqueles grupos que xa teñen a pauta completa da vacina contra este coronavirus rexistran baixos niveis de incidencia. E ao contrario, onde aínda non se vacinou, a incidencia da Covid é, loxicamente, maior.

Na Galiza a incidencia acumulada (IA) a 14 días é de 98 casos por cada 100.000 habitantes. Un número moi inferior á media que se rexistra no Estado español, onde está en 225. Esta dinámica reprodúcese en toda a comparativa: en todos os tramos, a incidencia é menor na Galiza que no resto do Estado.

Porén, esa incidencia a 14 días é superior á que se rexistraba a finais de xuño, cando a IA era de 54 casos por 100.000 habitantes na Galiza e agora é de perto de 100.

Os tramos de idade con maior incidencia acumulada son os de 12 a 19 anos (294 casos por cada 100.000 habitantes) e a de 20 a 29 (293). Nestas dúas franxas triplícase a media galega.

Son, lembremos, tramos de idade onde aínda non se desenvolveu a vacinación, situación na que tamén están os menores de 11 anos, onde a IA acumulada a 14 días é de 90 casos, por baixo da media.

No tramo de 30 a 39 a IA é de 146 – por riba da media-. Este colectivo está a ser vacinado nestes días. De 40 a 49 é de 88, xa por baixo da media.

E a medida que imos avanzando nos tramos de idades máis avanzadas, a incidencia vai minguando, efecto palpábel do que supón o proceso de vacinación: De 50 a 59 anos a incidencia é de 41; de 26 é na de 60 a 69; entre 70 e 79 está en 17 casos e por riba de 80, en 33; a incidencia máis baixa en todos os tramos de idade.