O tramo ferroviario Ferrol-Ortigueira recupera esta terza feira o servizo ao finalizar as obras de automatización

FEVE en Ferolterra.

A circulación estaba cortada desde o 10 de abril.

Adif concluíu as obras de automatización dos sistemas de regulación do tráfico no tramo Ferrol-Ortigueira, que volverá prestar o servizo habitual a partir desta terza feira, día 9 de maio.

Nun comunicado, o ente público sinala que, deste xeito, complétanse dous fitos clave na rede de ancho métrico galega, após un investimento superior aos 15,5 millóns de euros: a instalación do sistema de bloqueo automático en substitución do bloqueo telefónico e a nova configuración de vías das principais estacións do tramo, coa creación de dúas novas estacións en Moeche e Ponte Mera (comarcas de Ferrolterra e Ortigueira).

A partir desta terza feira restabelécese o servizo (interrompido desde o pasado 10 de abril para ultimar estas actuacións) e a circulación dos trens entre as estacións de Ferrol e Ortigueira realizarase ao amparo dun sistema de bloqueo automático (BAU), con control de tráfico centralizado desde o Posto de Mando do Berrón.

Con esta actuación, Adif destacou que se conseguirán melloras substanciais na explotación ferroviaria, fundamentalmente, maior capacidade da liña e regularidade nas circulacións dos trens e unha mellora da seguridade e fiabilidade das instalacións.

En paralelo, o ente público sinalou que traballa na redacción do proxecto para suprimir o bloqueo telefónico do tramo Ortigueira-Ribadeo, que completará a automatización de toda a rede de ancho métrico da Galiza.

Circulación cortada desde o 10 de abril

A envergadura das actuacións fixo necesario suspender o tráfico entre Ferrol e Ortigueira desde o pasado 10 de abril. O corte estendeuse até Ribadeo, a pedimento da Demarcación de Estradas do Estado na Galiza, para a realización de obras de reparación na estrada nacional N-642 entre Burela e Ribadeo (A Mariña).

Durante as obras, e con obxecto de garantir a continuidade do servizo, Renfe puxo ao dispor dos viaxeiros un plan alternativo de transporte por estrada para todas as circulacións afectadas polas actuacións, en ambos os sentidos, entre as estacións de Ferrol e Ribadeo.