As traballadoras do SAF paran en toda Galiza para exixir "seguridade"

Protesta do persoal do SAF en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

En solidariedade coa familia da traballadora do SAF asasinada o pasado 31 de xullo no Porriño, Teresa de Jesús, mentres traballaba nun domicilio e a mans do marido dunha usuaria do servizo, e en demanda de cambios urxentes e dun protocolo de seguridade, traballadoras de toda Galiza secundaron onte unha xornada de folga que culminou cunha gran manifestación polas rúas de Vigo. O persoal denuncia o “silencio” das administracións e avanza a convocatoria de novas mobilizacións para o vindeiro setembro.

Onte as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) pararon en toda Galiza. Convocadas pola CIG, concentráronse pola mañá até nunha trintena de concellos e acudiron pola tarde a unha gran manifestación en Vigo que saíu da Farola de Urzáiz e rematou na delegación da Xunta da Galiza. Durante toda a xornada lembraron á súa compañeira Teresa de Jesús, asasinada o pasado 29 de xullo no Porriño (comarca de Vigo) no domicilio dunha muller dependente á que prestaba servizo a mans do marido dela. Ademais de solidarizarse coa familia de Teresa, as traballadoras do SAF exixiron diante dos concellos e da Xunta medidas que garantan a súa protección efectiva.

Ames, Arteixo, Boiro, Boqueixón, O Carballiño, Carballo, Cee, Cuntis, A Coruña, O Covelo, Ferrol, A Laracha, Malpica, Moaña, Mos, As Neves, Nigrán, Noia, Oroso, Ourense, Ourol, Pazos de Borbén, O Pino, A Pobra do Caramiñal, Ponteareas, Ponteceso, O Porriño, Redondela, Ribadeo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sarria, Teo, Tomiño, Touro, Trazo, O Valadouro, Vigo e Vilalba foron onte ao mediodía puntos de encontro de traballadoras do SAF. En todas as convocatorias estivo presente a foto de Teresa de Jesús, así como cartaces de “todas somos Teresa” e un berro colectivo: “Descoidar a quen coida é violencia machista”. E en lugares como Monforte penduraron as súas batas en sinal de protesta.

A xornada de folga foi un éxito de participación en todo o país. Desde a CIG, a responsábel desta área no Porriño, Mercedes Domínguez, criticou o “silencio absoluto da Xunta e de moitos concellos" a respecto dos servizos mínimos impostos onte para as traballadoras en folga. Tamén cuestionou que, logo do acontecido con Teresa, non se convocara “de urxencia” unha reunión coa Xunta, a Fegamp, a patronal do sector e a representación das traballadoras: “Pode pasar outra vez en calquera momento, deixalo para despois non é unha opción”, alertou Domínguez.

As denuncias do acoso que sufría Teresa de Jesús e que comunicara á empresa encargada do SAF no Porriño, Aralia, non son un caso illado. Ramona Penedo é auxiliar do SAF en Teo (comarca de Compostela) e onte secundou a folga, pero tivo que asumir os servizos mínimos: “Non queda máis remedio onde non hai ninguén para prestar estes servizos”. Explica a Nós Diario que levan "moito tempo denunciando os riscos psicosociais aos que nos enfrontamos cada día". "Temos usuarios drogodependentes, con graves doenzas mentais, e non hai un protocolo para actuar neses casos”, advirte. Cando unha traballadora do SAF denuncia diante da empresa estas situacións, “simplemente nos din que non se pode deixar o servizo, ese é o único protocolo”, afea.

Acosos, maltratos, vexacións, insultos...”, enumera Penedo. Unha situación ante a que "non pasa nada, temos que seguir, sen seguridade ningunha... só aguantar”. Denuncia tamén que “non hai un plan de riscos laborais, só un plan de avaliación xenérica, non en cada domicilio”. No caso de Teo, sinala que as traballadoras teñen "sen firmar a avaliación de riscos”.

Giorgiana Dragomir é auxiliar do SAF en Cambre (comarca da Coruña). Hai uns meses denunciou unha brutal agresión nun domicilio no que prestaba asistencia, mais en abril volveu traballar. Sobre o acontecido, di: “Non sei nada máis, simplemente non me mandaron máis a ese domicilio, pero sei que volveu haber problemas e violencia”. Explica que no caso de Cambre o persoal que atende o SAF rolda as 60 traballadoras, “e a metade están de baixa”. Onte ela traballou: “Teño unha nena que manter”, explica.

Atención psicolóxica ás traballadoras do Porriño

Logo do acontecido á súa compañeira Teresa, as 60 traballadoras do SAF do Porriño recibiron asistencia psicolóxica por parte da empresa concesionaria a petición da representación sindical da CIG na zona. Mercedes Domínguez relata a Nós Diario que catro psicólogos citaron ás traballadoras a unha reunión para que falaran sobre o seu día a día laboral, as súas preocupacións e os sentimentos que estaban a ter logo do acontecido. “Foron e falaron sen medo”, di. As conclusións da análise psicolóxica revelan, afirma, “a auténtica fotografía do que acontece no SAF en todo o país”. Os psicólogos destacaron o feito de que estas traballadoras “se senten soas e son conscientes de que se enfrontan soas a calquera cousa que poida pasarlles”.

Na práctica, explica Domínguez, as situacións de perigo para as empregadas do SAF seguen a existir, e desde a CIG critican “as respostas” que dan as administracións. Neste senso, apunta que en Ponteareas (O Condado) se paralizou un servizo a domicilio polo perigo para as traballadoras, “e nos chaman desde o Concello para pedir reanudar o servizo e que a traballadora denuncie na Garda Civil”. A esa traballadora do SAF “unha usuaria nun domicilio púxolle un coitelo na gorxa, e hai denuncias doutras 14 traballadoras, e o Concello quere que se reanude o servizo e que vaian á Garda Civil como única solución”, lamenta.

O asasinato de Teresa de Jesús tivo impacto nas súas compañeiras doutras zonas do país. Ramona Penedo leva 26 anos traballando no SAF en Teo e agora collerá vacacións até setembro: “Este ano precísoas máis, porque o da rapaza do Porriño me tocou moito”, di, e lembra que “hai 2 anos en Dodro (O Sar) unha usuaria deulle unha navallada na cabeza a unha auxiliar”. E o mesmo sentimento ten Georgiana Dragomir: “Entereime do de Teresa pola televisión. Procuro non pensar moito niso porque me librei polos pelos, tiven moita sorte aquel día”.

Máis medios para o SAF

A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) exixiu onte destinar máis "axudas e medios" ao SAF e aumentar a oferta de prazas nas residencias públicas, no canto de subir as partidas para a prestación de coidadores mentres o perde recursos, denunciou.

"En 15 días a Xunta non fixo nada"

A Xunta prometeu tras o asasinato de Teresa de Jesús pórse ao dispor da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para avanzar nun protocolo de seguridade que é prioritario para as traballadoras e do que aínda non se sabe nada. Onte volveu descargar a responsabilidade nos concellos –"é de competencia e xestión municipal", trasladou a Consellaría de Política Social, se ben ten potestade para actuar de acordo coa lexislación vixente–. Desde a CIG, que xa presentou o seu propio protocolo, afearon que a Xunta "se escuse da súa responsabilidade". "En 15 días non fixo ningún movemento até o punto de ignorar a convocatoria de folga", sinalaron, aludindo ás críticas polos servizos mínimos.