Traballador@s da TVG denuncian "presións" para "manipular" a información do caso Bárcenas

Luís Bárcenas [Imaxe: SG]
Quéixanse das "intervencións" sobre o seu labor profesional e reclaman un Estatuto Profesional que garanta "a calidade e a independencia" dos contidos emitidos pola televisión nacional galega


O comité de empresa da TVG vén de denunciar máis unha vez "a manipulación que padecen os informativos da canle pública".

A través dun comunicado de imprensa, @s traballador@s alertan das "presións" e "intervencións" que se veñen producindo ao redor das novas que publican, nomeadamente aquelas que saíron á luz "nos últimos meses" e que están relacionadas coa corrupción política que implica membr@s do PP: a operación Pokemon e o caso Bárcenas.

Após denunciar a ausencia dun mecanismo que evite as inxerencias e "garanta a independencia", @s representantes d@s traballador@s urxen a creación do Estatuto Profesional que contempla a Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia e que, segundo a mesma norma sinala, viría "fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos”.

O comité de empresa da televisión pública considera que as prácticas denunciadas son "especialmente vergoñentas e penosas" nun momento de "grave deterioro político e social" en que a cidadanía demanda con máis forza o dereito a recibir unha información "veraz, plural e obxectiva". Cómpre sinalar a este respecto que a última información sobre o caso Bárcenas foi recollida na TVG con dous rótulos en que se informaba de que a policía entrara no diario español El País e que "a hipótese que manexan é que os papeis son falsos e os filtrou por diñeiro".