Traballador@s da CRTVG cualifican o feche de Canal 9 de ''atentado contra o dereito á información''

[Imaxe: SG]

Concentráronse esta quinta feira 7 de novembro nas instalacións da compañía "en solidariedade" coas e os profesionais da televisión valenciá e "en defensa" dos medios de comunicación públicos da Galiza.


"O primeiro que nos sae é a solidariedade polo ataque que sufriron, un atentado contra dereito constitucional a unha información veraz". Así explicou Raquel Lema, presidenta do Comité interempresas da CRTVG, os motivos que levaron @s traballador@s da compañía pública galega a se concentraren esta quinta feira 7 de novembro nas instalacións do ente. Rexeitan o peche de Canal 9 porque "sen medios públicos ese dereito non está garantido" xa que "os intereses que moven unha radio e unha televisión privadas son outros". 

Namentres Lema facía estas declaracións á prensa que se achegou até San Marcos --unicamente TVE, TVG e Sermos Galiza-- o resto de traballador@s manifestaron o seu descontento coa "arroutada" do PP na Generalitat Valenciana con lemas como O público é servizo, o privado beneficio ou A valenciana non se pecha. Aliás, sostiñan cartaces en que se podía ler o hastag empregado na rede social Twitter contra o desmantelamento da canle valenciá: #RTVVnoestanca

A CRTVG, ''saneada e con audiencia''

Con todo, a presidenta do Comité interempresas da CRTVG explicou tamén que "non nos damos por aludidos" se o que pretende o PP alentando o feche de Canal 9 é que o resto dos entes públicos territoriais poñan as barbas a remollo.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que o modelo na Galiza é "absolutamente diferente" do de Valencia xa que namentres a televisión que queren pechar acumulaba unha "enorme" débeda de 1.200 millóns de euros e "unha baixada na cota de pantalla", a TVG "está saneada, non ten débeda e acaba o ano en equilibrio orzamentario" para alén de ser a segunda canle territorial con máis audiencia.

Dixo Feijóo que "o que fixo o meu colega Fabra --en referencia a Alberto Fabra, presidente da Generalitat Valenciana-- é evidente que o faría o presidente da Xunta en circunstancias semellantes", mais non dixo ren das responsabilidades do seu partido, o PP, na xestión deste ente público.

Tamén se manifestou TVE na Galiza

Ao protesto, reivindicativo e solidario, d@s traballador@s da CRTVG uníronse tamén @s da delegación da televisión española na Galiza.

"Todos os españois acabamos de perder un dereito constitucional como é o da información", declarou Manuel Mirón, integrante do comité de emrpesa do centro territorial da RTVE no noso País. Concluíu destacando que "o dereito á información veraz" que garanten as televisión públicas "está por riba de calquera capataz e de calquera partido político".