“Todo pirolos” vixía na rede as mostras de “masculinidade 100%”

todopirolos

Que non hai mulleres nas fotos dun acto, unha directiva ou un programa televisivo? Pois quen organice exponse a recibir os parabéns de “Todo pirolos”, unha iniciativa que denuncia na rede as “mostras de 100% masculinidade”. 

Xelmirez 15. Casa de Ramón Piñeiro. Discípulos e autoridades da cultura institucional homenaxean ao intelectual instalando unha placa no seu domicilio. Na foto do acto, todos homes. Agora esa imaxe é a portada do facebook de “Todo pirolos”, unha iniciativa que está a se mover nas redes sociais -facebook e twitter- e que se mostra vixiante cos “eventos fully machotes, todo pirolos, esas mostras de masculinidade 100% que podes atopar no día a día”. 

Desde a propia presentación explican que seguen a iniciativa das finlandesas Feministinen e animan a seguir a súa versión “a visibilización de todos os eventos nos que só haxa homes, usando o noso certificador oficial”, ao tempo que, sen se identificar, se mostran debedoras das ideas de “despirolización” de María Yáñez e Helena Miguélez Carballeira. 

#parabensfixeches1xuntanzadetodopirolos

Animan tamén á colaboración social co seu labor fiscalizador, poñendo como comentario na foto o seu certificador ou mediante o hashtag #parabensfixeches1xuntanzadetodopirolos.

“Se non entendes cal é a importancia de que as mulleres estean representadas como o 50% da sociedade que somos se cadra tes que comezar poñendo o certificador no teu cerebro e logo xa imos falando...”, advirten. 

Ademais dos participantes na homenaxe a Ramón Piñeiro, condutores de autobuses, emprendedores no Gaiás,  un programa da TVG na que só entrevistan homes, a listaxe de pensadores da USC ou a directiva do Pedrón de Ouro xa foron parabenizado por teren feito un evento “todo pirolos”.