Todo en orde para o sorteo de Nadal cuxos premios poderás comprobar, ao vivo, en 'Nós Diario'

Os bombos do sorteo de Nadal (Foto: Lotarías do Estado).
A partir das 9 horas podes comprobar os números premiados no sorteo, ao vivo, na web de 'Nós Diario'.

Os bombos e os tradicionais elementos necesarios para o Sorteo Extraordinario de Nadal 2023 esta sexta feira 22 de decembro agardan no Teatro Real de Madrid, un sorteo que poderás seguir en directo na páxina web de Nós Diario. Ademais, faremos dispoñíbel unha ferramenta na nosa web na cal poderás comprobar se os teus décimos teñen premio.

Deste modo, xunto aos bombos, fixeron a súa entrada no coliseo madrileño as bólas, que repartirán a sorte.

Todos e cada un dos materiais chegaban á primeira hora do 15 de decembro ao teatro, para situarse no escenario onde se terá lugar o sorteo esta sexta feira

O bombo grande acolle as 100.000 bólas dos números que participan no Sorteo. Fabricado no ano 2006, está realizado nunha aliaxe de latón e bronce, e ten unha altura de 2,64 metros, unha anchura de 2,11 metros e un peso aproximado de 850 quilos. O diámetro da súa esfera alcanza os 1,58 metros.

O bombo pequeno

Pola súa parte, o bombo pequeno, o que albergará as bólas dos premios, está realizado cos mesmos materiais, e ten unhas dimensións de 1,60 de alto por 1,28 metros de ancho, cun diámetro de esfera de 0,74 metros e un peso ao redor do 450 kg.

Destaca entre todas as bolas a do primeiro premio, o popularmente coñecido como 'O Gordo', que repartirá catro millóns de euros por serie. Todas as bólas están fabricadas en madeira de buxo, cos números gravados en láser e co mesmo peso (3 gramos) e o mesmo tamaño (18 milímetros).