O terreo na Galiza xestionado por pasteiras portuguesas aumentou 70% nun ano

A Galiza conta con máis de 600.000 hectáreas de plantación de eucaliptos. (Foto: Nós Diario)

A principal pasteira de Portugal, The Navigator Company, realizou a súa Asemblea Xeral. A Galiza segue a ser un obxectivo prioritario.

Esta sexta feira decorreu a Asemblea Xeral de The Navigator Company, a principal pasteira portuguesa, onde se debateu o relatorio e as contas correspondentes a 2021. Un informe no que se recolle a aposta pola Galiza como unha das subministradoras de materia prima para as súas factorías, o que se plasma tanto no aumento de plantacións como do terreo que xestiona en territorio galego.

O documento contempla que a área xestionada na Galiza por esta pasteira, "toda en réxime de arrendamento", é agora 69% máis que en 2020. Ten no noso país 32 unidades de xestión.

Ademais, as plantacións de eucalipto aumentaron en 131% ao longo do ano pasado, ao que se engade 20% de incremento nas correspondentes a outras especies.

As rendas que pagan a terceiros na Galiza, segundo a información do balance de contas de Navigator Company, superou en 2021 o medio millón de euros (508.352 euros), o que supón até 440% máis que no ano anterior. A propia empresa recoñece que a "escaseza de materia prima nacional torna cada vez máis importante a cuestión da decrecente produtividade da floresta portuguesa".

Aposta

A entrada en vigor en febreiro de 2018 da norma que impide a plantación de eucaliptos en Portugal até 2030 obrigou as pasteiras lusas a buscar novos territorios. Xa coñecían a Galiza, onde levaban tempo mercando eucalipto —compras que chegaron a atinxir hai case dez anos os 1,5 millóns de toneladas—, mais foi desde 2018 cando optaron por unha presenza máis activa no país. 

Navigator opera na Galiza coas filiais Navigator España, SA, Bosques do Atlántico, SL e Navigator Tissue Iberica SA e posúe tres parques loxísticos: na Coruña, en Ferrol e na Susana-Santiago; puntos de entrega desde os que se envía a madeira a Portugal. A Galiza produce a metade da madeira que importa Navigator para abastecer as súas fábricas e as importacións (25% do volume de madeira que usa) complétanse con árbores procedentes do Brasil e do Uruguai.

Un 25% da superficie arborizada do monte da Galiza, 422.000 hectáreas, é de eucalipto e "a porcentaxe medrou e medrou á sombra da demanda de Ence, que é o principal comprador", como sinala a este diario Manuel Vázquez, enxeñeiro forestal.