Terceiro caso en menos dun mes: aberta unha nova investigación por suposto acoso escolar en Poio

Poio, Baiona e Vigo rexistraron denuncias por acoso escolar no último mes. (Foto: Nós Diario)
Descoñécense polo de agora calquera tipo de detalles sobre o proceso ou en que consistiu o suposto acoso que levou a comezar esta investigación.

A familia dun mozo ou moza do IES de Poio (comarca de Pontevedra) interpuxo unha denuncia  por un novo presunta caso de acoso escolar na Galiza. Neste sentido, a Garda Civil comezou as pescudas tras recibir unha petición de instrución por parte da Consellaría de Educación.

Descoñécense polo de agora calquera tipo de detalles sobre o proceso ou en que consistiu o suposto acoso que levou a comezar esta investigación. O centro, pola súa parte, tampouco ofreceu ningunha información sobre o acontecido, xa que a xornada de onte non era lectiva.

A Consellaría confirmou que se activou o protocolo de acoso escolar, que ten dúas fases. A primeira destas fase é a de información previa, na que o equipo contra o acoso escolar creado en cada centro leva a cabo unha investigación e entrevista as posíbeis persoas implicados e a testemuñas; mentres que na segunda parte, a informativa, recóllense estas e outras cuestións, así como os sinais de alerta ante os que a comunidade educativa debe estar alerta.

Trátase do terceiro caso de acoso escolar denunciado na Galiza durante o último mes. Neste sentido, o pasado 28 de outubro, a Garda Civil abriu unha investigación por presuntas agresións, insultos e humillacións con connotacións racistas a un alumno de 13 anos no Colexio Público Integrado (CPI) Cova Terreña, situado no concello de Baiona (comarca de Vigo).

Previamente, o pasado 22 de outubro, a Consellaría confirmou tamén a apertura dunha investigación por un suposto caso de acoso escolar a unha nena de cinco anos no colexio concertado Monterrey, situado nas inmediacións da Travesía de Vigo.