Terceiro caso de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida na Galiza

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo (Foto: Sergas).

Comunican este sábado desde a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade outro caso “asintomático”.

Segundo informou Sanidade, apareceu un terceiro caso de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida. Trátase dun detectado no mes de febreiro e a día de hoxe a persoa atópase "asintomática e coa analítica normalizada".

Así mesmo, a Consellaría sinalou que o sistema sanitario galego permanece alerta para detectar máis posíbeis casos.

Neste sentido, os primeiros no país detectáronse nas áreas sanitarias da Coruña e Vigo, despois de que a Dirección Xeral de  Saúde Pública comunicase a todos os hospitais galegos que informasen de todos os casos que podían cumprir os requisitos desde o inicio deste ano.

Esta foi a razón pola que se descubriu o primeiro dos menores afectados, que xa pasou a enfermidade no mes de xaneiro na área de Vigo, mentres que o outro, detectado na Coruña, recuperábase este mes de maneira favorábel.

Mensaxe de tranquilidade

O xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), Federico Martinón, afirmaba o pasado 20 de abril que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está "en alerta" para identificar a "causa específica" da hepatite aguda infantil, despois de que se detectasen dous casos.

Martinón aseguraba a Europa Press que "o sistema sanitario está alerta, os profesionais estamos alerta, xa descartamos hepatite de habitualmente en calquera paciente que atendemos, pero estaremos especificamente alerta ante esta posibilidade, ante calquera crianza que acuda ao sistema sanitario, sexa en Atención Primaria ou en urxencias ou hospital".

Por iso, insistía en apelar á "tranquilidade", xa que "a alerta é a nivel sanitario e de investigación".