A terceira onda da Covid non dá tregua

Seguen a aumentar os casos activos, os contaxios e a presión hospitalaria. Nos últimos 7 días rexistráronse máis de 7.800 novos infectados.

A terceira onda da Covid entrou de cheo e non dá tregua. Os dados destes días reflicten o que aconteceu nas festas do Nadal, cun alivio das restricións e aumento da interacción social e a mobilidade, que agora se concreta nunha situación preocupante.

Os dados desta segunda feira mantéñense na dinámica de comportamento destes días: aumento da presión hospitalaria, suba de casos activos e un ritmo de novos casos rexistrados en 24 horas por riba dos mil.

Así, hai na Galiza 13.252 casos activos, o que supón 744 máis ca onte. Hai 635 persoas hospitalizadas en planta, case 80 máis: e 104 na UCI, cando o domingo os ingresos en coidados intensivos non chegaban a 100 (eran 98). A ocupación de camas na UCI por pacientes de coronavirus abeira xa case 40%.

O número de persoas falecidas é xa de 1512 após os 9 falecementos da última xornada.

E no que atinxe a contaxios, nas últimas 24 horas detectáronse un total de 1.025, dos cales 890 foron a través de PCR.

 A taxa de positividade está en 11,5%, máid do dobre do que a Organización Mundial da Saúde (OMS) establece como limiar para controlar a pandemia: 5%. A incidencia acumulada continúa a aumentar, tanto a 7 como a 14 días. Nesta última xa é de 475.

Máis de 150 concellos galegos superan os 250 casos de incidencia acumulada a 14 días.