A tensión entre alumnos e dirección sobe no IES Xunqueira II de Pontevedra
Dende a última sexta feira do pasado maio, as relacións entre alumnado e dirección do IES Xunqueira II de Pontevedra non conseguen voltar a normalidade.
Aquel día, o director do centro reclamou a presenza da Policía Nacional e Local no centro de ensino para evacuar un grupo de alumnos do último curso que tentaba, tras celebrar a súa graduación o día anterior, impedir a entrada do resto dos rapaces ás clases. Unha tradición típica e, aos ollos do estudantado, enfocada integramente na diversión ou na trasnada, e cunha mensaxe implícita de despedida entre alumnos e profesores.
A Policía pediulles ás alumnas e aos alumnos que abandonasen o centro, o que ocasionou no seu momento un grande malestar entre a rapazada, así coma nun sector do profesorado que vía inofensiva e divertida tradición estudantil. Días antes, a dirección do centro xa comunicara a súa decisión de que as e os estudantes, de querer usar as instalacións para a súa graduación, terían que facelo unha sexta feira e non unha quinta, contando así impedir a súa volta as clases ao non habelas a xornada seguinte. Os alumnos de 2º de Bacharelato decidiron celebrar o seu acto na facultade de Forestais, xusto enfronte ao seu instituto; pero nunca pensaron que a cousa acabaría coa Policía de por medio nun día que debería ter sido de celebración.
Unha tradición típica e, aos ollos do estudantado, enfocada integramente na diversión ou na trasnada, e cunha mensaxe implícita de despedida entre alumnos e profesores
Durante os días seguintes, a tensión foi en aumento; e o director puxo o seu cargo a disposición da Consellaría de Educación coa intención de demitir se así o quería o organismo autonómico. Membros da comunidade educativa do centro explicaron que as discrepancias entre o claustro após a decisión da dirección de encerrar as portas do instituto ás e aos alumnos graduados, derivaron en debates internos e recriminacións.
Finalmente, a Xefatura Territorial da Consellería de Educación en Pontevedra tomou a decisión de non aceptar a demisión do equipo directivo, e mantivo no cargo os seus representantes. O xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, trasladou durante a reunión en que se avaliou a problemática o seu apoio ao IES Xunqueira II, valorando moi positivamente o proxecto educativo do instituto, e á espera de que continúe executando o plan levado a cabo nos últimos anos.
Na teoría, o sucedido o 26 de maio debería ter quedado aí, mais os alumnos do instituto continuaron a súa propia cruzada contra a dirección, esixindo a súa demisión. Só na última semana, leváronse a cabo dúas concentracións e un parón de dúas horas o 16 de xuño, a modo de protesta polas decisións tomadas. Non descartan trasladar as súas manifestacións até o edificio da Xunta noutro extremo da cidade.
“A maioría do alumnado non está contento con como se levan a cabo as cousas no centro”, explica Moraima Pérez, responsábel da organización estudantil Erguer en Pontevedra, e antiga alumna do IES Xunqueira II. “O que pasou o día seguinte da graduación foi grave, e serviu como un detonante para pedir a demisión, pero xa tivemos diversos enfrontamentos ao longo do curso”. Nese eido, a responsábel de Erquer na cidade lembra como na matrícula para o vindeiro curso o centro obrigaba a cursar grego, sen posibilidade de escoller outra lingua optativa. Finalmente, e após unha negociación, conseguiron reverter a situación, e modificouse ese punto na matrícula.
Non descartan trasladar as súas manifestacións até o edificio da Xunta noutro extremo da cidade
Nas concentracións que se foron sucedendo soen chegar a ser medio centenar de alumnos. Moraima Pérez recorda que son estudantes, e que moitas e moitos non poden acudir debido aos exames que se suceden nestas datas, cando apenas faltan uns días para o encerramento do curso escolar.
“O problema é que agora a comunidade dos profesores está dividida”, sinala Moraima. “Están os profesores que apoian as decisión do director e os outros que non. Estanse dando casos de profesores que ameazan as e os alumnos con baixadas de nota ou faltas de orde se non acoden a clase e deciden vir as concentracións”.
Polo momento, a dirección non emitiu comunicado algún sobre estas protestas e prefiren manter silencio nas súas declaracións. Por outra banda, a ANPA do instituto, a perguntas feitas por Sermos Galiza ao seu portavoz, tamén decidiu non dar a súa opinión en relación ás últimas concentracións.