Os tempos de agarda para unha cita médica en Lalín superan as dúas semanas

O voceiro do Bloque Nacionalista Galego, Francisco Vilariño. (Foto: Nós Diario)
Francisco Vilariño denuncia unha "situación insostíbel" no Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, na comarca do Deza.

O voceiro do Bloque Nacionalista Galego, Francisco Vilariño, advertiu que a falta de persoal médico no Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín está a provocar tempos de agarda de máis de 17 días para acceder a unha cita médica.

Vilariño alertou que "as citas para una simple renovación de receitas sofren tamén demoras en moitos casos superiores a 16 días, o que provoca que moitas persoas, especialmente maiores ou con enfermidades crónicas especialmente maiores ou con enfermidades crónicas, se vexan por esta vía sen medicación ou sen atención durante varios días".

"O pasado mes de novembro xa se acadara o nefasto récord de máis de 10 días de garda para o médico de cabeceira", lembrou Vilariño, que "agora supéranse todas as cifras de garda inimaxinábeis ao superar os 17 días en moitos casos". Neste punto, reclamou á Consellaría de Sanidade "medidas urxentes para reforzar o servizo de Atención Primaria".

"Un síntoma máis do deterioro da sanidade pública en Lalín"

O concelleiro nacionalista considerou que "esta situación inadmisíbel é un síntoma máis do deterioro da sanidade pública en Lalín, froito da falta de planificación e do desleixo do PP". Nesta dirección, advertiu do deterioro da calidade asistencial na capital da comarca do Deza.

"Non é aceptábel", afirmou Vilariño, "que unha persoa teña que agardar máis de dúas semanas para ser atendida polo seu médico ou médica de cabeceira ou para renovar unha simple receita, mentres o Goberno galego continúa desviando recursos á sanidade privada".

Vilariño lembrou que "o CIS de Lalín foi presentado como un proxecto de referencia, mais a realidade é que hoxe sofre numerosas carencias de persoal médico e sanitario, sobrecarga asistencial e falta de medios", algo, que "prexudica tanto ás profesionais como ás persoas usuarias".

Servizo e non edificios

"Continuaremos coa loita que sempre encabezamos para que a nosa sanidade sexa pública e de calidade xa que o que precisamos son servizos", denunciou Vilariño "e non só un edificio novo que levan usando dende hai anos de xeito propagandístico por parte do Goberno do PP de Lalín e da Xunta de Galiza, mentres a atención á cidadanía mingua cada día sen que desde o goberno o eviten".

O voceiro nacionalista recalcou que "a veciñanza de Lalín merece unha sanidade pública de calidade, accesíbel e con medios suficientes. O que está a acontecer no CIS é un abandono intolerábel e unha falta de respecto ás persoas usuarias e aos profesionais".