O temporal faise sentir na Galiza: neve, treboadas e cortes de tráfico

O concello do Cebreiro (Os Ancares) tinguido de branco polo temporal, esta sexta feira. (Foto: Arxina)
A borrasca provocou danos tamén en hospitais galegos.

A borrasca Ingrid deixouse notar esta sexta feira por todo o territorio galego, obrigando a suspender as clases e o transporte escolar en 160 concellos da Galiza. Unha decisión adaptada antonte após os avisos emitidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía e por MeteoGaliza na quinta feira, que alertaban dun temporal severo tanto no interior como na costa. MeteoGaliza avisaba dunha xornada de moita intensidade atmosférica con chuvascos localmente tormentosos e cunha cota de neve que ía ir descendendo progresivamente até os 400 metros de cara á madrugada.

As primeiras folerpas de neve chegaban á Gudiña (comarca de Viana) na madrugada da sexta, xa na quinta a Subdelegación do Goberno estatal en Ourense chamou a estremar a precaución nas estradas. Tamén se cubrían de branco as zonas altas das montañas galegas, provocando atascos e restricións no tráfico na A-6, entre Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares) e A Portela do Valcarce (O Bierzo), quilómetros 432 e 419, prohibindo o paso de vehículos pesados e a velocidade limitada a 60 quilómetros por hora. As mesmas restricións foron activadas entre os quilómetros 432 e 438 desta estrada entre Pedrafita e Noceda, así como entre os quilómetros 445 e 431 da N-6, entre Espariz e o Castro (Lugo-Castela León).

A primeira hora da mañá a DXT fechou o tráfico a camións na autovía A-52 en desde Rionegro Puente (Zamora) até Ponteareas, na AP-53 desde Santiago a Dozón, a AG-53 desde Ourense a Dozón, na N-120 desde Burgos a Ponteareas, na N-525 completa desde Benavente a Santiago e a N-541 desde Barbantes (Cenlle, O Ribeiro) a Cerdedo-Cotobade (comarca de Pontevedra).Unhas restricións que foron adoptadas en toda a A-52 en Nesta sexta feira a última hora quedaron levantadas as restricións na A-6, AP-6, N-6, A-52, AP-53 e AG-53. Unha nevarada tamén tinguiu de branco Xinzo de Limia. A neve callada nas rúas do centro da vila ocupou o tempo de xogo de moitas crianzas. A neve chegou á cidade de Lugo ao redor da media tarde, onde ás 17 horas xa se vían coches e tellados pintados de branco.

Voos suspendidos e cortes no tráfico ferroviario

Adif informou ao redor das 10 horas da interrupción no servizo ferroviario entre Baamonde  (Begonte) e Rábade, ambos na  Terra Chá, pola caída dunha árbore sobre a infraestrutura. Tamén se atopou interrompida a circulación entre Canabal e Os Peares (tramo Ourense-Monforte de Lemos) por unha falta de tensión na catenaria. Os incidentes da borrasca Ingrid deixaron demoras de perto de súas horas en trens de longa distancia. O temporal tamén provocou a suspensión de varios voos e o atraso de saídas previstas desde os aeroportos galegos. Un dos máis afectados, o aeroporto de Peinador de Vigo, onde foi cancelado o primeiro voo da mañá con destino Madrid.

Danos nos hospitais de Pontevedra e A Coruña

A borrasca Ingrid, con fortes refachos de vento no litoral, tamén se fixo sentir no interior. En Pontevedra unha das incidencias máis destacadas produciuse na contorna do Hospital Montecelo, onde a caída de chapas metálicas desprendidas da cuberta obrigou a Bombeiros e Policía Local a cortar de forma temporal o tráfico. Os danos, que non afectaron á atención a pacientes, forzaron o feche dunha rúa interior do complexo hospitalario. O temporal tamén causou danos na cuberta do aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. O desprendemento de varias chapas metálicas causaron danos nalgúns vehículos aparcados na zona.