A SITUACIóN MELLORA NA TERZA

O temporal continúa na segunda feira

[Imaxe: @belay] Neve en Forcarei

Galiza seguirá baixo a influencia das baixas presións durante a xornada da segunda feira. Até este domingo, rexistráronse cuantiosos danos materiais polas fortes precipitacións e polo vento de forza oito-nove. A cota de neve está a caer nos 600 metros.

Se de algo se fala na Galiza esta fin de semana é do temporal de chuvia, vento e neve. Desde a sexta feira, rexistráronse no sur do país precipitacións que provocaron inundacións en distintos puntos do mapa. O lugar máis afectado polas chuvias foi Redondela, que aínda o domingo se recupera dos danos provocados polo temporal nas rúas, casas, vehículos e fincas. Tamén se viu afectada a comarca de Ourense pola crecida do río Miño.

O regueiro de incidencias rexistradas na mañá do domingo van desde o resgate de catro persoas que estaban atrapadas nun coche pola neve que caeu na estrada que une Manzaneda e Paredela até os cortes en estradas, como a que transcorre sobre a ponte de Noia ou o Corredor do Morrazo, entre moitas outras. Ademais, a neve obrigou a decretar o nivel vermello en estradas de Pedrafita do Cebreiro ou Chantada.

Predición

Na tarde e na noite do domingo, o temporal continuará a azoutar o país, con ventos de forza oito-nove e con ondas que superarán os seis metros e que poderán chegar aos oito, segundo advirte Meteogalicia. Ao longo da xornada, os refachos en terra superarán os 80 quilómetros á hora e a neve pasará dos cinco centímetros na montaña das comarcas do interior.

A Coruña atoparase en alerta vermella durante a tarde e a noite polas ondas e o vento

Dado o estado do mar, a Dirección Xeral de Emerxencias decretou alerta vermella para a tarde-noite do domingo na Coruña, onde fican fechados espazos deportivos ao aire libre, praias e parques, incluído o da Torre de Hércules. Non se descarta o feche do paseo marítimo ao tráfico a partir das 20h, coincidindo coa pleamar.

Segundo Meteogalicia e 4 Gotas, durante a segunda feira, continuará a inestabilidade na Galiza, con ceos anubrados e precipitacións que remitirán polo sur conforme pase o día. A cota de neve situarase sobre os 500 ou 700 metros e as temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, con xeadas no interior. O vento soprará forte do norte.

Na terza feira, Galiza ficará situada momentaneamente baixo a influencia anticiclónica, que fará que o tempo sexa máis estábel. Así, os ceos alternarán nubes e claros. Malia isto, as temperaturas seguirán baixas e os ventos soprarán do norte.