Temperaturas inferiores a 5ºC na maior parte do país (agás na costa), coa Veiga marcando o récord: case seis graos baixo cero

A neve tomou nas últimas horas localidades como Xunqueira de Espadanedo, na comarca de Allariz-Maceda. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Mantense a alerta amarela en distintos municipios da Galiza por acumulación de precipitacións e vento.

A maior parte da Galiza, excepto o litoral, experimentou nas últimas horas temperaturas mínimas inferiores a 5ºC. A máis baixa recollida por Meteogalicia certificouse no medidor de Xares, na Veiga, ás 1.10 horas desta madrugada, cun dato de -5,9ºC.

Así mesmo, na estación de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, rexistráronse -5,6ºC ás 3.10 horas; na de Cabeza de Manzaneda, -5,2ºC ás 4.20 horas, e en Casaio, tamén no concello de Carballeda, -3,3ºC ás 3.30 horas.

Pola súa parte, computouse unha temperatura mínima de -3,1º no medidor dos Ancares, en Cervantes. Meteogalicia mantivo até as 9 horas desta quinta feira activa a alerta amarela por acumulación de neve na montaña lucense, malia que a cota subiu significativamente.

E vixente seguirá tamén en distintas zonas do país a alerta amarela por acumulación de precipitacións e por vento. De feito, Meteogalicia avanza que as choivas serán máis persistentes na Galiza segundo avance o día.

Aliás, esta quinta feira continuará unha situación complicada no mar con ondas por riba dos 5 metros, con alerta laranxa prevista para esta tarde e para as primeiras horas desta sexta.

Na fin de semana comezará a mudar a situación no país. O sábado será a xornada de transición de cara a un anticiclón que, xa o domingo, deixará un ceo solleiro e sen precipitacións durante varios días.