Saúde

A taxa de obesidade aumenta nos grupos de idade máis novos

O estudo da USC desvela que a prevalencia da obesidade en persoas maiores de 15 anos duplicouse entre 1987 e 2020. (Foto: Vithas)
A prevalencia da doenza duplicouse entre 1987 e 2020.

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) sinala que a prevalencia da obesidade en persoas maiores de 15 anos duplicouse entre 1987 e 2020, pasando de 7% a 16%. 

Esta é unha das conclusións do estudo titulado "Evolución da prevalencia de obesidade en España e nas súas comunidades autónomas, 1987-2020", publicado na Revista Española de Cardioloxía e realizado desde a área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC.

Os resultados obtidos derivan da análise da serie histórica completa da Enquisa Nacional de Saúde de España e da Enquisa Europea de Saúde en España e apuntan a que o maior aumento das taxas observouse nos grupos de idade máis novos, tanto en homes como en mulleres. Na última década observouse unha estabilización nas prevalencias, que aparece antes nas mulleres. 

Desde 2003, o predominio da obesidade é similar en ambos os xéneros, tal e como mostra o estudo. En 2020, a prevalencia da obesidade estimouse en 16% e demostrouse que esta aumenta coa idade. Así, en 2020, o 4% das persoas de entre 15 e 24 anos eran obesas fronte ao 21% dos de 65 anos e máis. 

Entre autonomías

"Aínda que a prevalencia da obesidade estabilizouse no Estado español, isto non é homoxéneo en todas as comunidades", sinalan desde o equipo responsábel da investigación. 

Existen diferenzas nas prevalencias de obesidade entre as comunidades autónomas, sendo as do noroeste e as do sur da península as que presentan as máis elevadas. Así, en 2020 Andalucía, Galiza, a Rexión de Murcia, Canarias, Castela e León e Asturias foron as comunidades con maiores taxas, fronte á Comunidade de Madrid, Nafarroa ou Euskadi, que son as que presentaron un menor índice.