Suspendido o tráfico ferroviario de alta velocidade a Ourense a causa dos incendios

Viaxeiras e viaxeiros esta sexta feira na estación intermodal de Santiago de Compostela. (Foto: R. S.)

Renfe garantiu a anulación ou cambio do billete sen gastos.

O servizo ferroviario de alta velocidade a Ourense seguirá interrompido até novo aviso ante a evolución dos incendios forestais que queiman boa parte do territorio da Galiza e Castela e León.

"A evolución actual dos incendios forestais de Zamora e Ourense impiden restabelecer hoxe o servizo ferroviario de alta velocidade entre Madrid e Galiza", anunciou Adif a través dunha mensaxe publicada na rede social X.

Pola súa banda, Renfe garantiu a anulación ou cambio do billete sen gastos. "Seguiremos actualizando. Agradecemos a súa comprensión ante esta situación tan excepcional que nos esta afectando a todos", sinalou noutra mensaxe Renfe.

"100% operativa"

Pola súa parte, o ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, asegurou que a vía ferroviaria entre Galiza e Madrid "está 100% operativa", pero, dada a proximidade dos incendios, non se conta con permiso de Protección Civil para prestar servizo, recoñecendo que é a primeira vez que unha liña de alta velocidade está cortada tres días consecutivos.

"Adif mantén activa unha máquina exploradora 24 horas para verificar o estado da vía entre Madrid e Galiza. A vía está 100% operativa. Non obstante, pola proximidade dos incendios non contamos con permiso de Protección Civil para prestar o servizo", indicou o ministro a través da súa conta na rede social X.

Desde Renfe advirten de que "polo elevado risco dos incendios", a vía estará cortada "até nova autorización", engadido que "está dispoñíbel para restabelecer a circulación en canto as autoridades competentes dean o visto e prace".

Cortes nas estradas

A Garda Civil informou tamén de cortes en diferentes estradas polos incendios forestais que están a afectar principalmente os accesos a Castela e León.

En concreto trátase da N-120 cortada desde as 15.40 no 471, no seu paso por Quiroga. Tamén a OU-533 entre o km 0 e o 6 desde as 14.15. Ademais cortouse a N-525 desde as 15.50 entre os km 177 e 178 e a ligazón da OU-1018.

Desta maneira os cortes afectan a un dos principais accesos a Castela e León. A maiores, a Garda Civil sinalou dificultades no tráfico entre Riós e Benavente, por atasco de coches.

Por iso, fan un chamamento á cidadanía para que "ninguén viaxe por esa zona". Así mesmo, fontes da Garda Civil non descartan o feche da autovía.

De feito, por redes sociais, a DXT informou de que se cortou por incendio a A-52, do punto quilométrico 111 ao 127 en ambos os sentidos e en Lubián no punto quilométrico 103 sentido crecente para pouco despois precisar que se ampliou o corte na A-52 até o quilómetro 143 en ambos os sentidos.