O Supremo fixa que o complemento de pensión de fenda de xénero se conceda aos homes nas mesmas condicións que ás mulleres
A Sala conclúe que o complemento para a redución da fenda de xénero contravén unha directiva europea relativa á aplicación progresiva do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres en materia de Seguridade Social.
O Pleno da Sala Social do Tribunal Supremo estabeleceu nunha sentenza de unificación de doutrina que o complemento de pensión para a redución da fenda de xénero debe ser satisfeito aos homes nas mesmas condicións que ás mulleres.
O Supremo aplica desta materia a doutrina estabelecida polo Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), en sentenza do pasado 15 de maio, que considerou que o artigo 60 da Lei Xeral da Seguridade Social —na redacción derivada da Real Decreto-Lei 3/2021—, que estabelece requisitos adicionais aos homes que tivesen un ou máis fillos para ver recoñecido o complemento de pensión, constitúe unha discriminación directa por razón de sexo.
Tras o pronunciamento do TXUE, a Sala conclúe que o complemento para a redución da fenda de xénero contravén unha directiva europea relativa á aplicación progresiva do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres en materia de Seguridade Social, así como a xurisprudencia do TXUE que a aplica. E engade que, "por tanto, debe ser satisfeito aos homes nas mesmas condicións que ás mulleres".
No caso concreto resolto, o Supremo desestimou o recurso do Instituto Nacional da Seguridade Social contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi, que recoñeceu o complemento de pensión a un home con tres fillos a quen a entidade xestora llo denegara en outubro de 2021 por non cumprir os requisitos adicionais fixados para os homes relativos á interrupción da carreira profesional (no caso dos dous primeiros fillos), e por non producirse diferenza de máis do 15% en bases de cotización entre dous anos do nacemento do terceiro fillo e dous anos despois.
A anterior regulación do artigo 60 da Lei Xeral da Seguridade Social, que recoñecía o complemento de pensión ás mulleres con fillos "por achega demográfica", tamén foi declarado polo TXUE, en sentenza de decembro de 2019, incompatíbel co dereito da Unión Europea por ser discriminatorio cos homes en similar situación.
Desde a data do pronunciamento do TXUE, a Sala do social ditou numerosas sentenzas que parten de que ese complemento de maternidade por achega demográfica pode ser obtido por mulleres ou homes que cumprisen os requisitos de ter fillos e ser beneficiarios de pensións.