O Supremo resolve contra a dirección da CRTVG e censura a política de contratación temporal dos medios públicos galegos

Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela. (Foto: CRTVG)

O Tribunal Supremo declara ilegal a práctica da CRTVG de designar directamente os tribunais de selección sen contar coa proposta previa da Comisión de Xestión das Listaxes de Contratación Temporal, tal e como obriga o convenio colectivo.

O Tribunal Supremo vén de estimar os recursos presentados pola CIG e por CCOO contra a Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) e anula unha sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). O alto tribunal declara ilegal a práctica da empresa de designar directamente os tribunais de selección sen contar coa proposta previa da Comisión de Xestión das Listaxes de Contratación Temporal, tal e como obriga o convenio colectivo.

O Tribunal Supremo fixou doutrina nunha sentenza do pasado 3 de decembro de 2025 á que tivo acceso Nós Diario e na que resolve o conflito colectivo iniciado pola Confederación Intersindical Galega (CIG), ao que se sumou posteriormente o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO), contra a CRTVG. A resolución revoga a sentenza do TSXG que dera a razón á empresa pública e avala as teses sindicais.

O conflito xorde pola práctica reiterada da CRTVG de aprobar convocatorias para ampliar listaxes de contratación temporal ou para formalizar contratos en prácticas designando directamente os membros dos tribunais de selección, sen solicitar previamente a proposta da Comisión de Xestión das Listaxes de Contratación Temporal, tal e como estabelece expresamente o artigo 32.3.5 do convenio colectivo.

A través de listaxes conformadas por este tipo de tribunais, cuxos integrantes foron designados unilateralmente pola CRTVG, accederon a contratos de prácticas nomes como o do actual coordinador de informativos, Alejandro López Carballeira. En 2013, cando viña de titularse en Xornalismo, López obtivo unha bolsa Feuga con estancia na CRTVG de un ano. Segundo sinala o propio xornalista no seu perfil de Linkedin, en xuño de 2015 vencéllase á CRTVG mediante un contrato en prácticas e, malia o carácter formativo deste contrato, Carballeira pasa a coordinar informativos, exercendo o mando sobre persoas redactoras con traxectorias profesionais máis longas.

Prevalece o convenio colectivo

O Supremo aclara que, aínda que a CRTVG é unha sociedade mercantil pública autonómica integrada no sector público, non pode ser equiparada a unha administración pública a efectos da aplicación do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP). Por este motivo, considera incorrecta a interpretación realizada polo TSXG, que dera prioridade ao artigo 60 do EBEP fronte ao convenio colectivo.

A sentenza subliña que o EBEP non é norma primaria reguladora das relacións laborais da CRTVG e que, no seu caso, só son aplicábeis determinados principios xerais a través da disposición adicional primeira do Estatuto. En cambio, o convenio colectivo da empresa si resulta plenamente vinculante e debe ser respectado.

Neste sentido, o tribunal conclúe que non existe ningunha norma que permita excepcionar o disposto no artigo 32.3.5 do convenio, polo que a dirección da CRTVG está obrigada a contar coa proposta da Comisión de Xestión das Listaxes para a designación dos tribunais de selección. Esta proposta debe realizarse de maneira colexiada, garantindo o consenso, a imparcialidade e a profesionalidade das persoas propostas, que actuarán sempre a título individual e non en representación sindical.

A sentenza do Tribunal Supremo declara expresamente que a práctica empresarial impugnada non é conforme a dereito e condena a CRTVG a axustar as súas actuacións futuras ao estabelecido no convenio colectivo. A sentenza non impón custas por tratarse dun procedemento de conflito colectivo.