Noia

Prisión para catro gardas civís que proferiron insultos homófobos a un compañeiro durante anos

Vehículo da Garda Civil (Foto: Alberto Ruiz / Europa Press)
"Arriba España e morte aos maricóns" ou "prefiro ter un fillo morto ou drogadicto que maricón" son algúns dos insultos que recolle a sentenza do Tribunal Supremo e que o demandante sufriu durante catro anos, até que precisou atención médica por un trastorno de ansiedade.

O Tribunal Supremo vén de ratificar unha pena de dez meses de prisión para catro gardas civís —un deles, co cargo de cabo primeiro— que durante anos proferiron comentarios, humillacións e insultos homófobos a un compañeiro do cuartel de Noia.

O alto tribunal publicou esta segunda feira este fallo que desestima os recursos dos acusados e confirma unha sentenza previa do Tribunal Militar Territorial Cuarto, con sede na Coruña, que os condenou como autores dun delito consumado de abuso de autoridade, en modalidade de acoso profesional e atentado contra a dignidade persoal, así como por discriminación por orientación sexual.

Así, á parte da pena de dez meses de cárcere, que inclúe unha atenuación por dilacións indebidas no proceso, o Supremo confirmou a multa de 10.000 euros que deben aboar á vítima en concepto de danos psíquicos e morais. Aliás, o tribunal emenda a sentenza recorrida para engadir a responsabilidade civil subsidiaria do Estado no pago desta indemnización.

Os feitos probados da sentenza confirmada recollen que, entre 2010, cando a vítima chegou ao cuartel de Noia, e 2014, un cabo primeiro da Garda Civil e outros tres axentes máis veteranos que el, referíanse a el con expresións como "maricón", "maripili", "fresita" e "a muller do posto".

En concreto, o cabo primeiro proferiu comentarios como que "os maricóns non deberían de estar na Garda Civil". "Arriba España e morte aos maricóns" e "prefiro ter un fillo morto ou drogadicto que maricón" foron outras das expresións empregadas por este superior, segundo relata o fallo.

Todas estas descualificacións alternábanse, en ocasións, con brincadeiras ou mofas, así como con comentarios sobre a súa competencia profesional tales como "inútil" ou "vago", engade a sentenza. Toda esta situación comezou desde o momento en que o home se incorporou ao posto de Noia, en xuño de 2010, e mantivéronse de forma ininterrompida até que o 30 de novembro de 2014 tivo que ser atendido por unha crise de ansiedade.

Desde esa data, a vítima permanece de baixa para o servizo por razóns médicas, recibindo atención psicolóxica e psiquiátrica, xa que presenta un cadro crónico e complexo de longa duración, diagnosticado como un trastorno mental severo.

Os acusados din que "non hai probas"

Os acusados, entre outros argumentos, recorreron a sentenza do tribunal da Coruña ante o Supremo alegando vulneración do dereito á presunción de inocencia, por estimar que, ao seu xuízo, non había probas suficientes.

Con todo, o Supremo desestimounos ao destacar que o Tribunal Militar Territorial Cuarto realizou unha valoración "razoábel e razoada" das probas, tanto da declaración da vítima como das testemuñas que corroboraron a súa versión. De feito, os maxistrados insisten en que non houbo contradicións, nin modificacións nin ambigüidades nas diferentes declaracións, senón que son "firmes, persistentes e contundentes".