O Supremo confirma a nulidade dos despedimentos do Celga

Profesorado Celga [Imaxe CIG]

O Tribunal desestimou o recurso de casación presentado pola Xunta.

O Tribunal Supremo vén de notificar á CIG-Ensino e á propia Xunta que desestima o recurso presentado polo goberno confirmando o que xa ratificaran 66 sentenzas anteriores e o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que o despedimento do persoal dos cursos Celga foron nulos. 

A decisión do Supremo pon entre as cordas a Consellaría de Educación que tentou pola vía xudicial demorar o pagamento das correspondentes indemnizacións e a readmisión do profesorado despedido. 

O conflito laboral remóntase a marzo de 2013. Como avanzaba Sermos Galiza na altura o colectivo docente encargado da impartición dos cursos de galego Celga estaba a traballar sen contrato e sen estaren dados de alta na Seguridade Social. 

Esta situación foi denunciada pola CIG-Ensino perante Inspección de Traballo quen deu a razón de oficio ao persoal e exixiu o pagamento dunha sanción de máis de 200 mil euros pola súa actuación fraudulenta. En troca de dar cumprimento, a Xunta decidiu despedir o colectivo docente do Celga no curso seguinte ofrecéndolle este traballo, como horas extraordinarias, ao profesorado dos centros de ensino. 

Inspección de Traballo, os xulgados do Social, o TSXG e agora o Supremo deron a razón ao cadro de persoal 

Esta decisión foi denunciada xudicialmente sumando un total de 65 sentenzas favorábeis @s traballador@s. Neste senso os Xulgados do Social declararon nulos en primeira instancia os despedimentos e exixían a readmisión do persoal. Sentenzas que foron recorridas pola Xunta perante o TSXG. Ao non lle dar a razón a máxima instancia xudicial galega o goberno apelou ao Supremo que agora desestima o seu recurso e avala a decisión do Superior de Xustiza de Galiza. 

Desde CIG-Ensino exixenlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que "asuma as consecuencias das contundentes sentenzas, que paralice todos os recursos que ten presentado e que faga unha oferta suficiente de cursos por todo o país para facilitar carga de traballo suficiente a este colectivo de profesorado indefinido non fixo e promover a normalización lingüística".