Os superviventes do autobús sinistrado prestan declaración

Estado no que quedou o autobús após o sinistro. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O equipo técnico rematou o seu traballo sobre o terreo

As dúas persoas que sobreviviron ao accidente do autobús que se precipitou ao río Lérez desde a ponte de Pedre, no concello de Cerdedo-Cotobade -no que faleceron sete persoas das nove que viaxaban nel- prestaron onte declaración aos axentes da Garda Civil que investigan o suceso.

Declaracións da pasaxeira e do condutor

A pasaxeira supervivente ao sinistro, María del Rosario González, continúa ingresada, após pasar dous días na UCI do hospital Montecelo de Pontevedra, a onde foi trasladada despois do accidente. Na mañá de onte, os axentes desprazáronse ao centro hospitalario para tomarlle declaración, que será incorporada ao informe que a Garda Civil remitirá ao Xulgado de Instrución de Pontevedra. Con todo, os detalles das explicacións sobre o sucedido na noite do 24 de decembro achegadas pola muller non transcenderon.

O outro supervivente do accidente foi o condutor do autobús sinistrado, Carlos Monzón, un veciño de Vigo de 63 anos que conta cunha gran experiencia como chofer deste tipo de vehículos e desta ruta concreta. Monzón, ao que xa lle deron a alta, deu negativo nos test de alcol e drogas.

Traballos no autobús sinistrado

Por outra parte, o equipo da Garda Civil tamén analizou onte os restos do autobús sinistrado -que permanecen custodiados- nas cocheiras da empresa Monbus en Lourizán. Alí, escanearon o vehículo e tomaron fotos comparativas con outro modelo similar que incorporarán a un software especializado para a investigación deste tipo de accidentes.

Tamén recuperaron algunha documentación pendente. Con isto, remataron o seu traballo sobre o terreo para elaborar o informe sobre as causas do sinistro, algo que, apuntaron, "levará tempo".