A superficie queimada na Galiza nesta última semana supera a de todo 2021

Incendio no Courel. (Foto: Oscar Carrete)

A Consellaría de Medio Rural ven de sinalar que na última semana arderon na Galiza máis de 4.500 hectáreas. Así as cousas, a superficie calcinada supera en máis de 130 hectáreas o total do territorio queimado en 2021.

Os datos achegados pola Consellaría de Medio Rural indican que a superficie queimada na Galiza na última semana supera as 4.500 hectáreas, manténdose activos varios deses incendios.

O fogo iniciado a pasada quinta feira na parroquia boirense de Curés sitúase á cabeza dos lumes, tras arrasar con 1.200 hectáreas nos concellos de Boiro, A Pobra, Ribeira e Porto do Son. A magnitude do incendio obrigou a desaloxar arredor de 500 persoas no concello de Ribeira, entre eles os residentes do cámping Rias Baixas.

A expansión do fogo, estabilizado nas últimas horas, veuse favorecida pola da alta concentración de eucaliptos e  piñeiros na zona así como o do vento do nordés que moveu o lume dun lugar a outro.

Verín

O incendio provocado no concello de Verín queimou nestes últimos catro días 600 hectáreas, significándose pola súa proximidade aos núcleos de poboación. Neste sentido, as pesquisas das forzas de seguridade apuntan a un lume intencionado, cobrando forza a hipótese de ser provocado por artefactos lanzados desde un dron.

As lapas arrasaron desde hai unha semana máis  500 hectáreas no concello de Arbo. As parroquias máis afectadas son Mourentán con 400 hectáreas queimadas e Barcela con 82, porén os lumes chegaron a noutros núcleos do concello.

O lume declarado na parroquia de Saiar, Caldas de Reis, cunha afección moi importante ao concello de Vilagarcía de Arousa queimou xa 450 hectáreas. Malia ficar controlado a última hora da mañá, continua activo e devorando hectáreas de monte.

Os fogos arrasaron na Mezquita, Maceda e Ponteareas a perto de 300 hectáreas. Así, no primeiro dos concellos arderon 150, no segundo 120 e no terceiro arredor de 20. Neste caso, só o da Mezquita continúa activo.

Superficie queimada en 2021

A superficie queimada na Galiza na anualidade de  2021 situouse en  4.371 hectáreas tras rexistrar 954 lumes. Segundo sinalou en decembro de 2021 na Cámara galega o conselleiro de Medio Rural, as cifras mantíñanse na liña descendente comezada en 2021.