Suma e segue: continúan a aumentar os casos activos de Covid na Galiza

Persoal sanitario ( Foto: Oscar J. Barroso / Europa Press)

Son 259 en todo o país, dos cal 196 corresponden á área sanitaria da Mariña-Lugo

Sanidade aponta a 259 casos activos de coronavirus hoxe, 3 máis ca onte e indica que na área sanitaria da Mariña-Lugo son 196, 6 máis ca onte. O 75% do total de casos activos na Galiza están nesa área.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 259.

Deles 25 son da área da Coruña, 196 da de Lugo, 2 da de Ourense, 4 da de Pontevedra, 16 da área de Vigo, 14 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 7 están en unidades de hospitalización e 251 no domicilio.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.898 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 210.649.

En canto a residencias, hai dous casos activos, que afecta os dous a traballadores. Faleceron 274 residentes durante a pandemia.