Sobe a presión hospitalaria e baixan os casos activos, que se manteñen por riba de 70.000

Espazo para facer test Covid en Monforte, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Redución por terceiro día consecutivo dos casos activos de Covid na Galiza, o que non evita que o número de persoas tratadas en unidades de hospitalización continúe a subir.

Os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade ratifican o descenso paulatino de casos activos e novos contaxios de Covid-19 na Galiza.

No reporte desta segunda feira, con información recollida entre as 18 horas do sábado e a mesma hora do domingo, sinálase que hai arredor de 4.200 infeccións activas menos que na xornada anterior, cun total de 71.376 casos.

Os positivos de coronavirus rexistrados en 24 horas son 4.337, un milleiro menos que no anterior reporte. Non obstante, continúa o incremento das hospitalizacións, que alcanzan as 629 persoas, 37 máis que o día anterior.

Nestes intres, están sendo tratados en Unidades de Coidados Intensivos 47 pacientes, un menos que no informe do domingo, e 582 persoas en unidades de hospitalización, 38 máis.

Malia a lixeira rebaixa da taxa de positividade das probas PCR, sitúase en 19,6%, permanece case catro veces por riba do límite marcado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia, do 5%.

A incidencia acumulada a 14 días na Galiza é de 3.259,07 casos por 100.000 habitantes, por debaixo da media estatal, de 3.418,46 casos por cada 100.000 habitantes, segundo transmitiu a pasada sexta feira o Ministerio de Sanidade.

Casos por áreas sanitarias

Estas estatísticas ratifican o descenso de casos activos por terceira xornada consecutiva, o que se reflicte en todas as áreas sanitarias.

Con todo, a de Vigo continúa á cabeza das infeccións, con 18.876; seguida da da Coruña e Cee, con 15.114; Santiago e Barbanza, con 10.811; Pontevedra e O Salnés, con 8.508; Ourense, con 7.350; Lugo, con 7.266; e á cola mantense a de Ferrol, con 3.451.

Falecementos

O domingo, a Consellaría fixo públicos seis novos falecementos, polo que o número de defuncións con coronavirus desde o inicio da pandemia acada as 2.881 persoas.