Stop-desafiuzamentos exixe unha xuntanza "con quen toma as decisións nos bancos" ou endurecerán os protestos

A plataforma cidadá de Compostela rexeita que as entidades "dilaten os tempos" á hora de dar unha resposta ás persoas afectadas polos despexos e volven queixarse diante das oficinas centrais do Santander, Popular-Pastor e Novagalicia Banco. Para a cuarta feira, día 15, ás 11 horas, está convocada xa a seguinte mobilización.


"Seguimos sen ter solucións reais" para máis de dúas ducias de persoas afectadas por ameazas ou ordes de despexo emitidas por entidades bancarias da comarca de Compostela.

"Están a se dilatar os tempos esperando a que desaparezamos como colectivo e os casos están enquistados", queixáronse desde Stop-desafiuzamentos, denunciando que cada vez que pretenden emprender unha negociación reciben sempre a mesma resposta: "é cousa dos de arriba". 

Perante esta situación e perante a paralización da ILP e das medidas de mínimos que nela se solicitaban --dación en pagamento, aluguer social e paralización dos despexos, Stop-desafiuzamentos emprendeu esta segunda feira máis unha acción reivindicativa no medio e medio da capital galega, protestando diante das oficinas centrais do Banco Santander, Banco Popular-Pastor e Novagalicia Banco, onde falaron con responsábeis de cada entidade para fixar unha xuntanza esta mesma semana "con quen teña capacidade para tomar decisións". De non sentar a dialogar, endurecerán os protestos. Para a cuarta feira, día 15, ás 11 horas, está convocada xa a seguinte mobilización.