SOS Sanidade Vigo pide a redución das listas de agarda

Manuel González Moreira e Jesús Araújo en Vigo, o 28 de maio. (Foto: Europa Press)
A Plataforma SOS Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo anunciouunha campaña de información para difundir unha serie de medidas orientadas a reducir as listas de agarda.

A Plataforma SOS Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo anunciou esta cuarta feira a posta en marcha dunha campaña de información para difundir entre a cidadanía unha serie de medidas orientadas a reducir as listas de agarda. Representantes do colectivo explicaron os detalles da iniciativa no edificio administrativo da Consellaría de Sanidade, onde rexistraron un escrito dirixido ao conselleiro solicitándolle os datos reais do número de persoas que se atopan en lista de agarda. 

Segundo explicou un dos portavoces da plataforma, Manuel González Moreira, as listas de agarda son "un serio problema" do sistema que "ocasionan sufrimento, ansiedade e aumentan as consultas en Atención Primaria e en Urxencias". Mais para tomar medidas, indican, debe haber "transparencia".  Por iso a plataforma urxiu información sobre os "datos reais" desas listas, non só as de intervencines cirúrxicas, senón tamén as relativas a consultas e probas diagnósticas, xa que a normativa só obriga a publicar as chamadas "listas estruturais", e permite a "ocultación" do resto.

Por outra parte, SOS Sanidade Pública exixe tamén que se xestionen as listas con "recursos públicos" e lembrou que, segundo a patronal da sanidade privada, 45% das intervencións xa se fan en hospitais privados "e unha parte desas intervencións fináncianse con diñeiro público".

Desde a plataforma explicaron que se iniciou unha campaña de información dirixida á cidadanía para presentar as súas propostas, e levará a cabo varios actos que culminarán o 12 de xuño cunha concentración perante o museo Marco de Vigo.  

Sen suba salarial

Tamén en relación á sanidade, e tras se reunir coa ministra de Sanidade para abordar a nova clasificación profesional prevista no Estatuto Marco, a CIG-Saúde reiterou onte que a mudanza non irá acompañada dunha suba salarial. A decisión foi cualificada pola central nacionalista como "unha mostra clara da falta de compromiso do Ministerio co persoal da sanidade pública".

A CIG-Saúde lembra que xa na actualidade existen múltiples categorías profesionais mal clasificadas e que non perciben as retribucións que lles corresponderían conforme ao Estatuto Marco vixente, situación que "se agrava coa proposta de reforma".