SOS Sanidade Pública chama a "un verán de mobilizacións contra a falta de persoal e o fechamento de 743 camas" nos hospitais
O verán é, en cuestión sanitaria, "unha época de tensión", como ten recoñecido o propio presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, sen que esa sinceridade se concretase até o de agora —a xuízo de organizacións sindicais e plataformas de persoas usuarias da sanidade pública—, en medidas e actuacións que eviten que a tempada estival estea marcada pola sobresaturación da Atención Primaria. Unha das medidas habituais no verán por parte do Sergas é o 'fechamento' de camas. Este ano, e segundo datos da propia Consellaría de Sanidade, o feche afectará no mínimo 743 camas.
A cifra é a máis alta desde a pandemia, agás 2024 cando esta mesma decisión afectou 780 camas. As 743 que este xullo e agosto estrarán fechadas supoñen un aumento de 26% a respecto das que o estaban en 2021, o ano da pos pandemia –cando foran 588–. Con estes números, Galiza é este verán o quinto territorio do Estado con maior número de camas fechadas. Só a superan Andalucía (2.200), Madrid (1.539), Catalunya (1.300) e País Valencià (910). O resto de territorios están por baixo das 700 camas fechadas e mesmo nalgúns, como Canarias, non estaba previsto adoptar esta medida.
Para a plataforma SOS Sanidade Pública, que esta terza feira compareceu en Compostela para denunciar esta política de prescindir de camas no verán, estamos perante decisións que "non benefician a cidadanía", senón a "grandes empresas privadas, que desembarcan na Galiza para comprar centros privados tradicionais e facer outros novos", conscientes de que "hai negocio", segundo Manuel Martín, portavoz da plataforma. Martín apuntou a que este feche de camas vai ter, entre outras consecuencias, un setembro marcado polo aumento das "listas de espera", que son "inasumíbeis". Citou, neste sentido, a enquisa do Instituto Nacional de Estatística (INE) que cifra en un de cada tres galegos e galegas os que afirman que o seu acceso a unha asistencia médica presenta unha "demora excesiva" ou que directamente é "inaccesíbel" por mor das listas de agarda.
Chamada á mobilización
SOS Sanidade Pública chamou a "un verán de mobilización" en toda a Galiza contra o feche de camas e contra a falta de persoal nos centros de saúde. "Vemos como hai mobilizacións en moitas comarcas para denunciar a situación da sanidade", sinalou Martín, apelando a intensificar e expandir esas mobilizacións.
Na mesma liña, Xosé Dios, da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, apuntou que "non estamos ante casos puntuais, como nos quere facer crer Alfonso Rueda" cando hai algún problema en Atención Primaria. Dios negou que, "como di a Xunta", non "haxa médicos", e puxo o exemplo que na Galiza para 276 prazas de MIR presentáronse "máis de 500 persoas, polo que Sanidade, asumindo as súas competencias podía ampliar as prazas que saca".
Lucía López, en representación do BNG, manifestou que "é necesaria a mobilización" para facer fronte "a un modelo promovido polo PP que deteriora a sanidade pública". O último en intervir na comparecencia da plataforma foi Carlos Pardo, por CCOO, quen manifestou que "o que pasa coa sanidade pública" é algo "perfectamente orquestrado" e cun "obxectivo estratéxico", o de reforzar a privada.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, dixo respectar "todas as críticas" cara ás medidas adoptadas para o verán no Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero insistiu en que hai un "déficit absoluto" de profesionais.
SOS sanidade Pública tamén se referiu ás listas de agarda e a como o aumento das mesmas supón ir "contra o dereito á saúde". Neste punto, Manuel Martín criticou con dureza aqueles profesionais que combinan o seu labor no servizo público e o privado e que 'favorecen' o aumento das listas de espera. Un total de 357.821 persoas facían parte das listas de agarda estruturais –as oficiais– do Servizo Galego de Saúde a finais de decembro de 2024, último mes con datos.
Así, 48.335 homes e mulleres esperaban por unha intervención cirúrxica na Galiza, cuns tempos medios de agarda para o conxunto do país de 67,1 días.
Recorrer á xustiza
As e os representantes da plataforma tamén se pronunciaron con dureza sobre o que cualifican como "censura" por parte das xerencias das áreas sanitarias que emitiron circulares con base nas cales se retiraron en centros de saúde carteis que advertían da falta de médicos.
"Non imos aceptar a censura", dixo Martín, "e imos dar unha resposta contundente". A preguntas da prensa sobre se valoraban recorrer á vía xudicial, o portavoz da plataforma respondeu que "non renunciamos a ningún tipo de medida; se hai que recorrer ao xulgado, iremos ao xulgado, como tamén levaremos isto ao Parlamento".
A Xerencia da área de Lugo, A Mariña e Monforte remitiu a semana pasada unha circular con ordes a centros de saúde da comarca da Mariña, onde aumentaron as protestas pola falta de medios coa chegada do verán. Fíxoo despois de ordenar retirar un cartel do ambulatorio de San Cibrao (Cervo) no que se informaba da ausencia dun facultativo e da redución de horas de atención durante estes meses de tempada estival. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apoiou esta segunda feira a decisión da Xerencia. Para o mandatario galego, "o que cualificou de "consignas políticas" non teñen cabida nos centros de saúde do país.