SOS Sanidade Pública alerta do aumento de doenzas e suma apoios á manifestación

Acto de presentación na Coruña da manifestación do vindeiro 14 de novembro da Plataforma SOS Sanidade Pública (Nós Diario).
A Plataforma presenta en Pontevedra os apoios acadados e denuncia as dificultades da sanidade pública primaria.

A Plataforma SOS Sanidade Pública continúa esta semana cunha intensa axenda de reunións e distribución de información por toda a Galiza coa intensión de sumar apoios para a manifestación que terá lugar este domingo 14 de novembro en Compostela. Este 8 de novembro, desde Pontevedra, deron a coñecer nalgúns destes municipios, como o da propia cidade do Lérez, as demandas a prol da recuperación da Atención Primaria galega.

O voceiro da Plataforma, Manuel Martín,  considera "importante que as entidades locais estean aí como administración máis próxima á poboación". Ademais, apunta que están en contacto con outros colectivos sociais "coa vontade de sumar esforzos, no caso da área do Hospital de Montecelo, aos que están na súa zona".

Afirma a Nós Diario que partillan problemática pola situación que viven os centros de saúde "que seguen sen abrir completamente" cunha "absoluta predominancia da consulta telefónica sobre a consulta presencial".  

Por outro lado, denuncia que "seguen a formarse fileiras nas portas dos centros de saúde ademais dunhas listaxes de agarda que son inaceptábeis". 

Aparición de novas enfermidades

"Temos semiparalizada a Atención Primaria", indica Martín. Entende que este apartado é "non só a porta de entrada ao sistema, é tamén o eixo sobre o que tería que basearse toda a política de saúde e a coordinación de recursos".

A súa actual situación "determina que afecte a outros apartados, como é o caso das urxencias, que agora mesmo están colapsadas". Lembra as denuncias da semana pasada como consecuencia de que "moitas persoas non puideron ser atendidas nos centros de saúde".

Desde SOS Sanidade Pública consideran que, a maiores da situación nas urxencias, "é moi grave o que está a pasar coas listaxes de agarda". A redución de casos procedentes da pandemia pola Covid-19 nos centros hospitalarios "non se traduciu nunha volta á normalidade na atención de especialistas e tamén na realización de probas diagnósticas", aseguran. 

Unha circunstancia que xurdiu con estas eivas é o aumento de novas enfermidades que antes non había. "Temos constancia por parte das e dos profesionais que agora chegan doenzas novas e que son atendidas nos hospitais nunhas condicións que nunca vimos", explica Martín, "hai que ter en conta o atraso no tratamento dalgunhas como o cancro, cardiopatías ou as enfermidades respiratorias", engade. 

Mesa informativa na Mariña

Para esta terza feira está convocada unha mesa informativa da Plataforma Sanitaria da Mariña na porta principal do hospital desa comarca (12 horas). O colectivo denuncia que "se están a derivar pacientes cara ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) por falta de camas no da Mariña".

A súa portavoz, Montse Porteiro, sinala que "sempre aseguramos que non chegaban para un territorio de setenta mil habitantes, máis tivo que facerse apresa e correndo, sen escoitar nin ter en conta as necesidades", polo que é "unha razón máis para acudir á manifestación".

Os municipios mobilízanse contra unha sanidade "precaria"

Concellos como Poio, O Rosal ou A Guarda confirmaron estes días o seu apoio á reivindicación de SOS Sanidade Pública e facilitarán soporte loxístico para que as súas veciñas e veciños poidan estar presentes o domingo na manifestación. “O alcalde de Pontevedra tamén se comprometeu coa Plataforma”, asegura Manuel Martín, “e estamos pendentes dunha reunión estes días coa Deputación de Pontevedra".

A través dun comunicado, o concello da Guarda responsabiliza o Sergas da situación da sanidade nese municipio, que “lonxe de mellorar, estase convertendo nun problema crónico”.  Denuncian a actitude da Xunta por “non cubrir baixas ou vacacións, facer contratos precarios, sobrecargar os sanitarios”, algo que provoca “un deterioro 
da atención intolerábel".