SOS Sanidade, pensionistas, a CIG e 'Eólica así non' rexeitan os orzamentos da Xunta

Concentracións da CIG, SOS Sanidade Pública e Eólicos Así Non, esta terza feira diante do Parlamento galego. (Fotos: Arxina / Nós Diario)
A compostelá rúa do Hórreo converteuse esta terza feira pola mañá no lugar de encontro de colectivos e organizacións que reclamaron ante o Parlamento da Galiza uns orzamentos "dignos". Pola tarde sumouse 'Eólica así non' para denunciar o uso que fai o PP da Lei de acompañamento.

Pensionistas da CIG e delegadas e delgados deste sindicato en sectores como a administración pública, o ensino, a xustiza ou a saúde concentráronse esta terza feira diante do Parlamento galego coincidindo co debate dos orzamentos da Xunta da Galiza para 2025. Na protesta, á que asistiu o secretario xeral da central sindical nacionalista, Paulo Carril, reclamouse, con carácter xeral, recuperar o Fondo de Acción Social, coa asignación de 1% da masa salarial, ademais de recobrar os nove días de asuntos propios ou de libre disposición. 

Desde a CIG-Administración denuncian que coa Lei de Orzamentos para 2025, a Xunta da Galiza pode modular ou eliminar a percepción dos complementos específicos que retribúen as condicións de servizo específicas do funcionariado. O seu secretario nacional, Luís Carballo, aseverou que entre as reivindicacións está tamén “recuperar 100% das pagas extras e o estabelecemento da xornada laboral de 35 horas”.

Con carácter específico, a CIG-Ensino reclamou o recoñecemento a todo o corpo de profesorado especialista de sectores singulares de FP dun complemento de equiparación co profesorado integrado no corpo de ensino secundario. “É importante ademais que se teña en conta todo o alumnado con necesidades educativas especiais no cómputo para as ratios”, indicou Laura Arrojo, da executiva da CIG-Ensino. 

Pola súa parte, a CIG-Saúde, tamén puxo o foco na necesidade de que “os cadros do Sergas e todo o persoal estatutario sexa conforme a uns ratios de profesionais-pacientes que permitan unha atención de calidade e seguridade”. A súa secretaria de organización, Ana Belén Lestón, considerou “insuficientes os orzamentos da Xunta para a sanidade pública”. 

Desde a CIG-Xustiza exixiron, entre outras demandas,  dotación orzamentaria suficiente para implantar o expediente electrónico. O seu secretario nacional, Óscar Freixedo, recordou que en 2018 houbo folga no sector “reivindicando a actualización do complemento autonómico transitorio” mais, anos despois, “a Galiza volve estar á cola”.

Freixedo alertou de que a situación actual “racha os conceptos que temos dos xulgados unipersoais”, unha razón que demanda “un orzamento importante”. Por iso, Freixedo non descartou “un novo conflito semellante ao de 2018 para o ano vindeiro”.

Desde o colectivo de pensionistas denuncian as graves carencias que hai nos tempos de agarda, nas prestacións ou no insuficiente número de prazas públicas. O seu voceiro, Xepe Torres, indicou a Nós Diario que demandan á Xunta “aumentar o orzamento na atención ás persoas”. Lembrou Torres que “máis de 6.000 persoas morreron agardando a axuda que debería dar a Administración para atención a domicilio”.

"Contra a invasión eólica"

Esta erza feira, ademais, concentrouse no mesmo lugar a coordinadora 'Eólica así non', conformada por máis de 200 colectivos e plataformas galegas críticas co actual modelo eólico, baixo o lema 'Lexislar para burlar a Xustiza, goberno da Xunta golpista', e en protesta pola aprobación da Lei de acompañamento dos orzamentos que reforma a propia Lei eólica galega. 

A portavoz da plataforma e da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Belén Rodríguez, criticou esta terza feira desde a concentración "o uso que fai o PP desta lei, son reformas nas normas que teñen incidencia no territorio e nas nosas vidas". Nesta ocasión, denunciou que a emprega "para favorecer as empresas eólicas permitíndoas volver tramitar proxectos, potencialmente ilegais, paralizados cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)", un feito que denominou como de "acoso institucional constante" polo que seguirán acudindo aos tribunais.

Sobre esta cuestión tamén se manifestou esta terza feira a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, desde Bruxelas. Ante os medios cuestionou a Xustiza galega, laiándose dunha "parálise" eólica, dixo,  aludindo a "2.600 megawatts paralizados. Iso quere dicir que seguimos emitindo 2,5 toneladas de CO2", lamentou,  culpando da situación "aos grupos ecoloxistas".

Manuel Martín ve o investimento sanitario "insuficiente" 

Tamén diante do Parlamento protestou a Plataforma SOS Sanidade Pública.

O seu portavoz, Manuel Martín, destaca o "éxito" da convocatoria e mostrou o seu rexeitamento aos orzamentos para 2025, xa que "apenas soben 1,6% en achegas sanitarias", cun gasto en hospitais "practicamente igual" pese ao crecemento das listas de espera. Ademais, quéixase dunha alza de só 0,4% para formación en persoal que "non garante" esta tarefa, algo que considera "gravísimo".