SOS Sanidade denuncia a "opacidade e falta de transparencia" do novo acordo asinado con Povisa

Representantes da plataforma SOS Sanidade Pública da área de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O acordo asinado pola Consellaría de Sanidade co hospital privado entrou en vigor o pasado mes de abril. Fronte a este convenio, a plataforma sanitaria reclama un plan de investimento para a Área Sanitaria de Vigo.

A área sanitaria de Vigo, dependente do sistema sanitario público, conta cunhas 120.000 persoas que reciben asistencia "nun hospital privado", Povisa, co que a Consellaría de Sanidade vén de asinar un novo convenio de colaboración. Para a plataforma SOS Sanidade Pública trátase dun pacto rubricado "sen que existan recursos públicos alternativos para atender este sector da poboación".

Segundo expón o colectivo nun comunicado, a negociación deste acordo "prodúcese nunha situación de desigualdade na que a Consellería de Sanidade non dispón de recursos sanitarios públicos, nin materiais nin humanos, para atender 100% da cidadanía, mentres que o grupo Ribera-Povisa está nunha fase de crecemento e expansión".

Ao non existir unha alternativa asistencial pública, afirma SOS Sanidade Pública, a negociación deste acordo está "condicionada" polo grupo privado, "cuxo obxectivo é incrementar os beneficios económicos dos seus accionistas".

"A Consellería de Sanidade acaba de asinar un novo contrato de xestión de servizos de atención hospitalaria co grupo Ribera-Povisa, con total opacidade e falta de transparencia", afirma a plataforma, un acordo co que se pon de manifesto "o tantas veces temos denunciado, que un dos factores determinantes da redución do deseño arquitectónico e do plan funcional do novo hospital de Vigo era precisamente poder manter a actividade asistencial do contrato con Povisa".

SOS Sanidade Pública asegura que malia o compromiso do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, de achegarlles información detallada sobre o acordade antes de que se fixese público o novo convenio, todo o que saben sobre a nova colaboración co hospital privado coñecérono polos medios: "Non recibimos ningunha información da Consellería de Sanidade nin se fixeron públicos os termos do acordo"., polo que chaman aos responsábeis da Consellaría de Sanidade a cumprir coa súa "obriga de transparencia".

Plan de investimento para a área de Vigo 

A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo esixe á Consellaría de Sanidade que desenvolva un plan de investimentos que permita recuperar os recursos asistenciais públicos previstos inicialmente no deseño e planificación desta zona no momento da construción do novo hospital de Vigo, no ano 2006.

O cambio de modelo deste centro hospitalario "supuxo a renuncia do Partido Popular a dotarnos dos recursos sanitarios públicos necesarios para atender 100% da cidadanía e condenou unha parte desa cidadanía a ser atendida nun hospital privado, nas condicións estabelecidas pola empresa propietaria dese hospital".

É por iso que desde a plataforma exixen ao Goberno da Xunta unha serie de intervencións que garantan o acceso á sanidade pública de toda a veciñanza da área sanitaria de Vigo. Entre outras medidas reclaman a ampliación do Hospital Álvaro Cunqueiro, "recuperando o plan funcional inicial do Novo Hospital de Vigo"; a reordenación asistencial da área urbana de Vigo, "reivindicando un Centro  de  Alta  Resolución  coas  especialidades  máis demandadas pola poboación no centro de Vigo"; a construción do Centro de Alta Resolución no Morrazo, tal e como estaba previsto, e a recuperación da Atención Primaria así como o reforzo dos Puntos de Atención Continuada (PAC). Son demandas, conclúe o colectivo, que urxen un "incremento do investimento en sanidade pública na área sanitaria de Vigo nos próximos orzamentos da Xunta de Galiza".