O Salnés mobilízase contra a falta de persoal sanitario: "Non hai substitucións por baixas, xubilacións ou vacacións"

Hospital Comarcal do Salnés. (Foto: Nós Diario)
SOS Sanidade Pública convoca para esta sexta feira unha protesta en Vilagarcía.

Só unha ambulancia medicalizada para toda a comarca do Salnés, puntos de atención continuada (PAC) sen persoal médico durante días, vacantes de profesionais que non se cobren, carencia de pediatras e falta de persoal especializado, son algunhas das situacións que denuncia a plataforma SOS Sanidade Pública da comarca do Salnés e polas que convoca esta sexta feira unha manifestación en Vilagarcía de Arousa.

A protesta pretende reclamar unha atención sanitaria digna na Galiza e, en concreto, na zona do Salnés, ante a “preocupante” situación que experimenta. O doutor Ramón Barreiro, médico de Urxencias no Hospital Comarcal del Salnés, indica a Nós Diario, que falta persoal porque “non hai substitucións por baixas, xubilacións ou vacacións”, o que provoca que “as listas de agarda aumenten”.

Este é un dos principais problemas que sofre a comarca, debido á “desfeita sanitaria do PP galego”, un problema que “vén de lonxe, mais que nos últimos meses se está a visibilizar cunha crueza brutal”, segundo sostén a portavoz do BNG de Sanidade no Parlamento, Montse Prado. Así, sostén que a área sanitaria do Salnés, que conta con arredor de 100.000 habitantes, ten un “hospital comarcal moi infradotado, pois non hai unidades de coidados intensivos (UCI) e só temos unha ambulancia medicalizada”.

Prado indica que a comarca sofre desde o verán unha gran “desatención”, pois houbo días nos que os catro PAC da zona “non tiveron ningún profesional”. Ademais, os centros de saúde tampouco contan cuns “efectivos suficientes”. En Vilagarcía, do cadro de 15 profesionais, en diversas ocasións só se atopaban catro no centro.

A falta de persoal na comarca non permite que os profesionais poidan realizar un “seguimento das persoas doentes”. Isto tamén ocorre na área de pediatría. “Non se ven expectativas de que se estean tomando medidas estruturais” ao respecto, mantén Prado. O deputado do PSdeG no Parlamento galego Julio Torrado engade que no Salnés “non hai unha cobertura completa real das necesidades da poboación”.

O doutor Barreiro sostén que “estamos nunha situación moi precaria; necesitamos revitalizar a Atención Primaria e a sanidade pública e xeral”. Perante esta situación, a principal reivindicación da mobilización é o aumento do reforzo de persoal médico. Así, outra das reivindicacións é a mellora das condicións dos profesionais sanitarios para que “queiran traballar na Primaria”, sostén Prado. Ademais, tamén exixen  unha maior dotación de especialistas na área do Salnés.

Planificación futura

Barreiro sostén que “é necesario un investimento real para mellorar as carteiras de servizo dos centros de saúde e do hospital do Salnés” así como “unha planificación de cara ao futuro”. Barreiro, Prado e Torrado critican que a Xunta non habilitara suficientes prazas de formación para a Atención Primaria, o que provoca que non exista un “plan de recambio xeracional no futuro” e que a situación se vaia “agudizar nos próximos anos ante a avalancha de xubilacións que se van producir”, sostén Barreiro.

Prado conclúe que “a sanidade pública debe ser unha prioridade, algo que o PP non ten asumido” pois “calquera persoa que o precise debe ser atendida, e isto agora non é unha garantía”. Así, sinala que o orzamento para a Sanidade pública na Galiza é menor agora en 2022 que en 2009. Torrado engade que “a Xunta non está a facer nada, só busca a quen botarlle a culpa”.