O novo convenio de Povisa deixa Vigo sen unidade de Queimados
Vigo é a área sanitaria coa maior actividade industrial da Galiza e coa maior concentración de industrias con máis probabilidade de sufrir sinistralidade laboral por queimaduras. Mais a área sanitaria de Vigo vai ficar sen unidade de queimados. "A nova referencia hospitalaria para este tipo de patoloxía localízase na unidade de queimados do complexo hospitalario universitario da Coruña", indicou Manuel G. Moreira, portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública e que esta sexta denunciou esta situación nunha comparecencia na que tamén estiveron o portavoz do BNG en Vigo, Xabier P. Igrezas e a deputada nacionalista Carmela González.
"Povisa trataba queimados de até certo nivel e os pacientes que pasaban ese nivel derivábanse á Coruña. Mais agora, co novo acordo de prestación de servizos, anúnciannos que Povisa deixa de ter ese papel e que pasamos a depender toda a poboación da área danitaria de Vigo e de Ourense da Coruña", apuntou o portavoz.
Non transcorreran dúas horas desta denuncia pública cando o Sergas, a través do xerente da área de Vigo, Javier Puente, asegurou que traballaba para dotar a cidade dunha unidade de queimados antes de que finalice este ano e recoñecía que a partir de abril Povisa non ofrecería este servizo.
Consultado por Nós Diario por estas declaracións, Moreira apuntaba a que desde a plataforma "estaremos vixiantes" sobre ese compromiso e ironizaba coa coincidencia de que no día en que SOS Sanidade Pública denunciaba a grave situación, o Sergas comparecese cunha promesa.
Especilidades
A plataforma lembrou que a átrea viguesa só ten catro referencias únicas, é dicir, técnicas que só se practican no seu hospital, mentres que a área Sanitaria da Coruña conserva 11 referencias e a de Santiago 10. "Isto sen ter en conta os transplantes, na e Vigo só se transplantan córneas e medulas. Mais os órganos máis potentes, corazón e pulmón, fanse na da Coruña, e ril, páncreas e fígado, nas de Santiago e A Coruña", explicou Moreira.
Sanidade afirma que esta repartición e ordenación de referencias hospitalarias respondía "exclusivamente a criterios técnicos de planificación sanitaria, de calidade asistencial e de necesidade de ordenación e re equilibrio territorial", di SOS Sanidade Pública. "Mais Sanidade non puxo sobre a mesa nin un só indicador de calidade asistencial que xustifique estes cocientes poboacionais nin a distribución de servizos e técnicas", denuncia.
Para Moreira, non existe criterio técnico, económico, organizativo ou administrativo, que poida avalar estas decisións, "trátase de favorecer unhas áreas sanitarias en detrimento de outras, por razóns de presión política e de tráfico de influencias".
Na comparecencia animouse a asistir ña manifestación do 6 de abril en Compostela en defensa da sanidade pública.