Sorprenden unha muller en Amoeiro con pastillas inflamábeis e un chisqueiro cando ía plantar lume

Unidade de Investigación de Incendios Forestais. Foto: Xunta da Galiza).
A Policía Autonómica investiga a relación desta persoa con sete incendios rexistrados na zona desde mediados de agosto

Unha muller foi sorprendida cando se paseaba por un monte do municipio de Amoeiro, na comarca de Ourense, con pastillas de encendido e un chisqueiro para, supostamente, provocar un incendio forestal.

A identificación desta persoa produciuse no marco do dispositivo articulado na parroquia de Trasalba pola unidade de investigación de incendios da Consellería do Medio Rural despois de rexistrarse sete fogos na mesma zona desde o 13 de agosto.

Esta alta actividade incendiaria motivou a apertura dunha investigación na que foron localizados artefactos incendiarios e pastillas inflamábeis nas áreas afectadas por estes lumes, que, entre todos, non chegaron a alcanzar unha hectárea de superficie afectada.

A Policía Autonómica é a encargada de realizar a investigación para determinar a relación da persoa identificada cos sete incendios rexistrados na zona.

A muller foi posta a disposición xudicial en calidade de investigada.

Outras investigacións

Ao longo deste verán, a unidade de investigación de incendios forestais da Xunta localizou outros artefactos incendiarios en montes dos distritos de Vigo-Baixo Miño, Caldas-O Salnés e Santiago-Meseta Interior.

Entre os dispositivos empregados están artefactos provistos de cabichas con sistemas de ignición para prender lume no monte de forma retardada ou papeis de xornal amoreados.

A Xunta resalta que estes indicios "avalan a intencionalidade dos lumes ao ser acendidos de forma premeditada".